#CULTURA
Xornada Coidar de nós, para coidar da cultura
Cara uns modelos máis sustentables de traballo na xestión cultural
En febreiro de 2022 a Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) iniciaron unha colaboración no eido da formación e do debate para conseguir novos espazos de encontro entre o sector profesional da xestión cultural, as entidades públicas e privadas, e as creadoras e creadores artísticos. Unha colaboración que pretende reforzar e mellorar o ámbito da xestión cultural en Galicia e, sobre todo, na nosa provincia, ao convidar o tecido local a reflexionar e crecer xuntas e xuntos na profesionalización da nosa cultura. Así, este 2023 propoñemos unha nova cita na que meditar sobre un dos aspectos máis importantes no momento actual de crise global e incerteza.
Cando o sector cultural se reúne en foros e espazos profesionais, atopamos un amplo consenso sobre a situación de precariedade e vulnerabilidade que afecta unha parte importante das e dos axentes que fan posible a cultura.
Non é algo que suceda exclusivamente no sector cultural, pero si que se reúnen importantes factores de risco neste ámbito, coma a elevada atomización (traballadoras e traballadores autónomos ou ben entidades con tan só unha ou dúas persoas empregadas), a alta intermitencia laboral, a escasa oferta de emprego estable por conta allea (especialmente no ámbito privado) e o déficit de persoal nas institucións públicas.
Todo isto provoca que en moitos casos as dificultades do día a día deban afrontarse en solitario, co que se suman así outros factores de risco que, ademais, diminúen a produtividade: unha excesiva carga multitarefa (tanto das que poidan estar especializadas coma das que non, pero non se conseguen externalizar), no sector privado ter que compaxinar varios traballos ou proxectos simultáneos para acadar uns ingresos mínimos e, en definitiva, unha falta de tempo crónica. Todo isto afecta a calidade do traballo cultural, pero tamén o plano persoal, desde as dificultades de conciliación ata os problemas de saúde, especialmente a mental.
Se imos un pouco máis aló, atopamos no sector tamén unha necesidade de reunir un maior coñecemento económico, financeiro e legal, unha predisposición a sacar adiante os proxectos aínda que non sempre teñan unha viabilidade económica clara e conten con poucos recursos para asesoramento externo especializado nestes ámbitos. A complexidade gradual da lexislación aplicable e dos procesos burocráticos no eido da cultura, públicos e privados, ademais dos novos retos da transformación dixital, da inclusión ou da sustentabilidade, engaden novas dificultades, que na maioría dos casos son asumidas como responsabilidades de mellora individual. Para isto cómpre máis tempo, un tempo que non temos, o que impide, ademais, artellar solucións de mellora, incluída a imprescindible organización colectiva.
Coidar de Nós para Coidar da Cultura. Cara a uns Modelos máis Sustentables de Traballo na Xestión Cultural é unha xornada reflexiva, máis tamén propositiva, na que poremos o foco no que normalmente permanece invisible: a saúde (ou a mala saúde) do noso sistema en canto a prácticas que protexan e coiden para salvagardar o futuro da nosa cultura. Profesionais, entidades, empresas, xestoras e xestores, responsables das áreas de cultura dos concellos, programadoras e programadores… unha xornada de encontro e conversa compartida para sumar voces, experiencias, estratexias e recursos para facer do sector cultural un ecosistema con futuro.
A inscrición para a xornada será a través dun formulario na páxina www.xestoresculturais.gal. As prazas son limitadas.
Colabora: Curso de Experto Universitario en Xestión e Innovación Cultural da Universidade de Santiago de Compostela.
Xornada enmarcada dentro do proxecto "Coidar de nós, para coidar da cultura 2022 - 2023" . Actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura e Deporte.
COIDAR DE NÓS PARA COIDAR DA CULTURA
PROGRAMA
-
Apertura institucional
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carlos Lorenzo, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC)
Sergio Lago (BenCuriosa), coordinador do proxecto e comisario da xornada
-
Conversa de apertura. Sustentabilidade e traballo cultural
Jorge Fernández León, membro do grupo de traballo sobre cultura e contorna rural da Rede Española para o Desenvolvemento Sustentable (REDS).
Gemma Carbó, directora do Museo da Vida Rural da Fundación Carulla (L’Espluga de Francolí, Tarragona) e presidenta da fundación INTERARTS
+ preguntas do público
-
Mesa de experiencias. Perspectivas institucionais: coidar do sector
Fernando Cerón, Conselleiro técnico da Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura
Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza na Axencia Galega das Industriais Culturais. Representante da AGPXC na comisión de profesionalización da Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais
Tere Badía, investigadora e xestora cultural
Modera: Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación de Pontevedra
+ preguntas do público
-
Pausa café
-
Mesa redonda. Perspectivas profesionais: coidar de nós
Patricia Hermida, manager e produtora. Presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais e socia fundadora de Mujeres de la Industria Musical
Fran Quiroga, investigador transdisciplinar, coordinador xeral en Concomitantes
Alejandro Nieves, xestor e comunicador cultural
Modera: Marián Fernández, socia fundadora e responsable de comunicación do Cable Inglés, Cooperativa Cultural
+ preguntas do público
-
Xantar
-
“Traballar na cultura? Espera que che conto!”
Con Candido Pazó
-
Mesas de conversas
Un formato horizontal en grupos reducidos no que as persoas asistentes terán a oportunidade de compartir ideas, facer consultas e debater cuestións concretas do seu interese, coa participación das e dos profesionais expertos convidados á xornada.
- “O traballo público en cultura”, desde a realidade do día a día das e dos profesionais de pequenas e medianas entidades culturais locais
- “O traballo privado en cultura”, desde a realidade do día a día das e dos profesionais independentes e pequenas organizacións culturais privadas
- “A activación de espazos e proxectos para unha creación cultural máis sustentable”
- “O equilibrio entre os proxectos profesionais na cultura e uns proxectos de vida máis sustentables”
-
Peche institucional
Inscrición
Prazas limitadas.
POÑENTES
SERGIO LAGO
JORGE FERNÁNDEZ LEÓN
GEMMA CARBÓ
FERNANDO CERÓN
PILAR PORTELA
TERE BADÍA
PAULA CABALEIRO
PATRICIA HERMIDA
FRAN QUIROGA
ALEJANDRO NIEVES
MARIÁN FERNÁNDEZ
CÁNDIDO PAZÓ