A Estrada, protagonista do primeiro ‘Obradoiro’ da Facultade Ágora da Deputación para coñecer de maneira práctica como recuperar espazo público para as persoas

Persoal técnico de diferentes concellos da provincia realizarán este xoves unha visita ao municipio, analizarán as obras realizadas e debaterán sobre como priorizar as persoas fronte aos coches no deseño urbano

13/06/2022

Preveia ao pimeiro Obradoiro da Facultade Ágora na Estrada  

O Concello da Estrada será este xoves protagonista e escenario do primeiro 'Obradoiro' da Facultade Ágora da Deputación, a iniciativa formativa provincial para achegar recursos ao persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de recuperar espazo público para as persoas. Persoal técnico de diferentes municipios da provincia visitará o municipio estradense para facer unha análise das obras realizadas 'in situ' e, co caso local de A Estrada como modelo, aprender xunto ao especialista Marius Navazo cales son as mellores fórmulas para priorizar ás persoas fronte os vehículos.

Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, o obxectivo dos 'Obradoiros Ágora' será adquirir coñecementos técnicos de forma concreta e práctica, visibilizar como se vai plasmando a filosofía Ágora no espazo público dos 'Concellos Ágora' e adquirir formación mediante o debate colectivo e en grupo.

"Temos que tomar conciencia de que a nosa defensa do espazo público e a materialización das ideas de recuperación deste non é unha excepción. É unha práctica cada vez máis estendida, polo que é preciso empoderarse e ser conscientes de que estas ideas son as ideas do futuro, futuro apoiado nun presente moi real e xa non exclusivamente teórico porque a utopía xa se está materializando", subliña o nacionalista, quen salientou que A Estrada foi elixido como sede do primeiro 'Obradoiro Ágora' posto que se está a converter nun "referente" pola aplicación da filosofía provincial.

O obradoiro estará integrado por unha sesión en sala e unha visita comentada a espazos públicos considerados casos de boas prácticas. Así mesmo, contará coa participación dunha persoa experta de recoñecido prestixio ('Observador Ágora') que sumará ás dinámicas de traballo os seus coñecementos e impresións. No caso de A Estrada será o xeógrafo Marius Navazo, que xa estivera dentro do corpo docente na primeira edición da Facultade, abordando a conveniencia de utilizar as plataformas únicas "como ferramentas de deseño que promoven a inclusión social".

A xornada comezará ás 9.30 da mañá cunha 'deriva de observación' por parte das persoas matriculadas. Despois farase a exposición do caso local de A Estrada por parte de persoal do Concello e iniciarase o debate conxunto. Pola tarde haberá unha visita comentada ás diferentes actuacións realizadas polo Concello.

En xeral, a xornada de traballo servirá para aplicar conceptos teóricos adquiridos na primeira edición da Facultade durante o ano pasado. Quérense buscar solucións prácticas a necesidades que se repiten en todos os concellos: saber como repartir o espazo público, como utilizar criterios de deseño, como resolver interseccións, ou como xestionar o tráfico, entre outras cuestións.

Asistirán ao obradoiro de A Estrada representantes políticos e técnicos de concellos de Tomiño, A Cañiza, Tui, Pontecesures, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Vilaboa, entre outros, así como persoal provincial responsable da redacción de proxectos de reforma urbana, e integrantes de consultoras que traballan para as administracións públicas, sendo a asistencia restrinxida para unha correcta celebración do evento dada a súa tipoloxía práctica. Os seguintes 'Obradoiros Ágora' celebraranse en Tomiño, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa.

Ligazóns de interese