CULTURA

EXPOSICIÓN “SON CARIBE”

FUNDACIÓN BALMS & DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

“Son caribe. A arte como ferramenta transformadora”

Do 11 ao 26 de outubro de 2023, na Sala Rosalía de Castro da Sede da Deputación en Vigo

 


“Son caribe” é unha exposición que nace co obxectivo de poñer en valor o poder da arte e da cultura como ferramentas sociais transformadoras. Realizouse por medio da identidade e do recoñecemento do contexto e da cultura caribeñas do alumnado de dúas escolas de arte que a Fundación Balms para la Infancia ten situadas en dous dos barrios máis vulnerables da República Dominicana e de Colombia.

A primeira delas está situada no Barrio Santa Lucía, de Santiago, na República Dominicana, e a segunda en Olaya Herrera, en Cartaxena, Colombia. As e os artistas teñen idades comprendidas entre os 7 e os 17 anos. Cada obra e cada pincelada están cheas de emoción, sensibilidade, técnica, cor, alma e vida, pero, sobre todo, de experiencias vividas polos seus protagonistas.

Desde a Fundación Balms para la Infancia levan dúas décadas traballando polos dereitos da infancia máis desfavorecida. Entre outras estratexias, empregan a arte para achegar as disciplinas artísticas a nenas e nenos en situación de vulnerabilidade.

Coa creación e o desenvolvemento das escolas de arte e tempo libre en Olaya Herrera e Santiago Oeste buscan contribuír á cultura artística local e dotar dunha formación alternativa as e os nenos que termine impactando directamente nas súas comunidades.

Escola de Arte Mauro Lorenzo, República Dominicana. É un espazo que ten como propósito proporcionarlles coñecementos e destrezas artísticas a nenas e nenos do Distrito Municipal Santiago Oeste, na República Dominicana.

A Escola xurdiu no ano 2017 como parte dunha iniciativa da Fundación Balms para la Infancia, Fundación Solidaridad e o Centro Integral para el Desarrollo Local (CIDEL) destinada á mellora da calidade educativa na comunidade do Barrio Santa Lucía e cofinanciada pola Xunta de Galicia.
Dado o impacto positivo que a escola tivo na comunidade, mantívose todos estes anos como un referente no Distrito Municipal de Santiago Oeste.
A Escola de Arte e Tempo Libre Mauro Lorenzo constitúe un espazo de formación alternativa que incide nun maior nivel educativo e contribúe no proceso de construción social na comunidade.

“Esta exposición ten un tema transcendental, que foi interpretado con moita madurez polos novos estudantes: a identidade caribeña. Nos cadros expostos, sempre moi coloridos, pódese apreciar esta identidade a través dos ollos das e dos nenos de Cienfuegos. Beisbolistas (é dicir, ídolos xuvenís), símbolos patrios, identidade racial, paisaxes cibaeños, a propia realidade do barrio que viven día a día. A e os profesores e artistas Jairo Ferreira, Pedro Cofresí e Elvia Liriano souberon guiar o seu alumnado para que transmitise nos seus lenzos, en vívidas cores, a identidade caribeña e dominicana a través das súas manifestacións artísticas e culturais. Pero tamén, e sobre todo, a beleza que se pode crear a través da arte, que as e os afasta da súa propia realidade, ás veces complicada, e failles crer nun mundo novo que é posible. Esta exposición demostra o talento das e os estudantes, pero tamén o impacto que os talleres artísticos tiveron no barrio, co tema da súa propia identidade dominicana e caribeña, que debe levalas e levalos a sentirse orgullosos de si mesmos, do que son e do que poden lograr no futuro”. Máximo Vega, coordinador da Escola de Arte e Tempo Libre Mauro Lorenzo.

Escuela de Arte Granitos de Paz, Colombia. Atópase en Olaya Herrera, en Cartaxena de Indias (Colombia) e nela desenvólvese o programa Transformando Vidas a Través del Arte.

Este programa xurdiu no ano 2021 como parte dunha iniciativa da Fundación Balms para la Infancia e da Fundación Granitos de Paz destinada a desenvolver a creatividade das e dos nenos e a súa capacidade para expresar ideas, pensamentos e emocións a través das artes plásticas.
O programa de artes plásticas está dirixido a nenas e nenos, preadolescentes e adolescentes escolarizados pertencentes ao sector Rafael Núñez e Once de Novembro de Olaya Herrera, expostos a diversas problemáticas sociais diariamente. A arte xorde como unha ferramenta para que estas poboacións vulnerables utilicen adecuadamente o tempo libre.

“Son caribe é unha exposición que se realizou por medio da identidade e do recoñecemento do contexto de cada nena e neno, cada unha e un deles mergullado nunha realidade máxica onde a súa expresión plástica concibe un modelo ilustrativo polo cal se senten identificados. Cada obra e cada pincelada están cheas de contido sentimental, sensibilidade, técnica, cor e alma, pero, sobre todo, de experiencias vividas polos protagonistas. Estas e estes pequenos artistas que protagonizan esta fermosa exposición inspiráronse en percorridos realizados no espazo cultural cartaxeneiro, onde puideron evidenciar a cultura e a identidade caribe nos seus aspectos musicais, gastronómicos e artísticos visuais. A identidade cultural confórmana as características propias da cultura que permiten aos individuos identificarse como membros dun grupo e tamén diferenciarse do resto; está composta por múltiples elementos coma as súas tradicións, valores e crenzas características. Ao ter en conta isto, crear arte por medio do que somos e nos identifica lévanos a exhibir esa pluralidade de tradicións, sons, cores e formas, e a mostrar a importancia e influencias de ser caribe”. Jesús Díaz, profesor do programa Transformando Vidas a Través del Arte.