A Sede de Vigo da Deputación acollerá a exposición de pintura “Son Caribe” da Fundación Balms

A mostra, que amosa a identidade caribeña a través de pinturas realizadas por menores vulnerables na República Dominicana e en Colombia, será inaugurada o vindeiro mércores 11 de outubro pola vicepresidenta da Deputación, Marta Fernández-Tapias

05/10/2023

Son Caribe

A Sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acollerá desde o vindeiro 11 de outubro ata o día 26 a exposición “Son Caribe. A arte como ferramenta transformadora”, que organizan conxuntamente a institución provincial e a Fundación Balms para a Infancia. A mostra, que amosa a identidade caribeña a través de pinturas realizadas por menores vulnerables na República Dominicana e en Colombia, será inaugurada ás 20:00 horas pola vicepresidenta primeira e deputada delegada de Cultura, Marta Fernández-Tapias, así como polo presidente da fundación, Antonio Heredero González-Posada.

“Son Caribe” busca poñer en valor o poder da arte e da cultura como ferramentas sociais transformadoras. Por iso, realiza unha viaxe a través da identidade e da cultura caribeñas da man do alumnado de dúas escolas de arte, Mauro Lorenzo e Granitos de Paz, que a Fundación Balms ten situadas en dous dos barrios máis vulnerables da República Dominicana, o de Santa Lucía, en Santiago, e en Colombia, o de Olaya Herrera, en Cartaxena. As e os artistas teñen entre 7 e 17 anos e coas súas obras mostran emoción, sensibilidade, técnica, cor, alma, vida e, sobre todo, as súas propias experiencias.

A Fundación Balms para a Infancia leva dúas décadas traballando polos dereitos da infancia máis desfavorecida. Entre outras estratexias, empregan a arte para achegarlles as disciplinas artísticas a nenas e nenos en situación de vulnerabilidade. Coa creación e co desenvolvemento das súas escolas de arte e tempo libre en varias cidades latinoamericanas, buscan contribuír á cultura artística local e dotar as e os nenos  dunha formación alternativa que impacte directamente nas súas comunidades.

No marco da mostra, o venres 13 de outubro vinte rapazas e rapaces de entre 9 e 14 anos participarán nun obradoiro creativo. A exposición, que chega á cidade olívica despois de pasar por Marbella e Madrid, poderá visitarse na Sede de Vigo da Deputación ata o vindeiro 26 de outubro, de luns a venres de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas. 

 

Galerias de imaxes