CULTURA

Ultraluz

Espectáculo de poesía, música e luz

Ultraluz é unha viaxe a un mundo subterráneo onde se constrúen espazos nos que estar a salvo das sombras que nos fan estoupar. Esta proposta é a adaptación ao escenario do poemario de Ledicia Costas, Ultraluz, gañador do XX Premio de Poesía Afundación. Significa a conversión da obra a unha nova expresión artística onde conviven palabra, música e luz.

Martes 19 de decembro, ás 20 h. Sala Rosalía de Castro, sede da Deputación en Vigo: ENTRADAS ESGOTADAS

Mércores 20 de decembro, ás 19 h. Auditorio do Museo de Pontevedra: reservas en aikrana.info@gmail.com


Dialogando arredor de Ultraluz, o músico e a autora decidiron experimentar para buscar as novas posibilidades que existían sobre un escenario con ambientes e texturas electrónicas, piano e guitarra eléctrica, para converter os poemas nun experimento de spoken word e música atmosférica. O que vai atopar o público é unha viaxe que cruza a poesía, a través da voz da autora; da música, da man de Amaro Ferreiro e Sergio Martínez; e da luz. 

Un espectáculo delicado, sorprendente e memorable cunha atmosfera excepcional.

Ledicia Costas

É unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega, con obras en linguas coma o persa, o coreano, o italiano ou o búlgaro.

Ten máis de vinte e cinco obras publicadas, destaca o seu éxito no eido da literatura infantil e xuvenil, e importantes recoñecementos coma o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil concedido polo Ministerio de Cultura pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. É a única persoa na historia do Premio Lazarillo (o decano da literatura infantil e xuvenil en España) que logrou gañalo en tres ocasións, a última en 2022 coa obra A lebre mecánica. En 2020 recibiu o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria, co que se converteu na persoa máis nova en recibilo desde a fundación do galardón. En 2023 foi distinguida pola Xunta de Galicia coa Medalla Castelao. No ámbito internacional, recibiu recoñecementos coma o Premio White Ravens, concedido pola Biblioteca de Múnic, ou a inclusión na Lista de Honra do Ibby.

Ultraluz supón o seu regreso á poesía.

Amaro Ferreiro

Músico e compositor, leva traballando xunto ao seu irmán Iván Ferreiro desde a publicación en 2005 de Canciones para el tiempo y la distancia. A súa canción máis coñecida é Turnedo.

Escribiu para outras e outros artistas e fixo cancións para películas. Tamén publicou discos en solitario.

O seu último traballo é Personajes secundarios (2019). Participou na dirección artística do disco homenaxe a Joan Manuel Serrat, Mediterráneo (2018), onde conseguiu reunir artistas tan dispares coma Jorge Drexler, Eva Amaral, Silvia Pérez Cruz, Josele Santiago ou Andrés Calamaro, entre outros.

En 2023 publicouse o novo disco de Iván Ferreiro, Trinchera Pop.