A Deputación reivindica en Vigo a Florencio Delgado como exemplo da loita polo país e o galego e “semente de novos proxectos para facer agromar unha Galiza infinda”

A sede de Vigo acolleu o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’ organizado polos departamentos de Lingua e Memoria

24/05/2022

Acto central Letras Galegas

A Deputación de Pontevedra reivindicou esta tarde a Florencio Delgado Gurriarán como exemplo da loita polo país e a lingua e “semente de novos proxectos para facer agromar a Galiza infinda que tan ben contou”. Fíxoo no acto celebrado na sede da Deputación en Vigo para celebrar as Letras Galegas 2022 onde se representou o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’ do actor Serafín Marcos en colaboración coa editorial Galaxia e no que participaron a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua e Memoria María Ortega.

A representación quixo ser un percorrido biográfico no que practicamente todo o texto tivo orixe nas súas poesías. Foi un relato divertido e interactivo dedicado a público familiar no que, a través de anécdotas, abondouse sobre a importancia da figura do autor homenaxeado de maneira didáctica.

A peza comezou coa viaxe en tren de Florencio cara Guadalajara, onde viviu en México, seguiu coa benvida ao seu fogar, onde tiña imaxes do seu amigo Arturo Souto, para pasar despois a pasaxes como a do viaxe ao exilio a través do barco Ipanema, onde Florencio non entendía ao resto dos viaxeiros chineses, e que estivo 10 días parado coa hélice rota ata chegar a Martinica. Entre as anécdotas, reivindicarase ao Florencio alegre que botaba en falta e reivindicaba a súa terra.

A homenaxe ao autor do Córgomo comezou coas palabras da deputada de Memoria e Lingua María Ortega, quen sinalou que Florencio Delgado Gurriarán representa á perfección a loita polo país que levou a cabo a súa xeración “e que nós vindicamos como legado”. Subliñou que malia a súa importancia e mesmo malia o esforzo que veñen facendo desde hai décadas persoas expertas, a súa traxectoria non é dabondo coñecida.

“Queremos tomar consciencia da importancia dun home que traballou a reo en prol da defensa da nosa lingua, a nosa cultura e os valores democráticos que encarnaba o bando perdedor da guerra civil española”, lembrou a nacionalista, engadindo que “o golpe de Estado empurrou a Florencio ao exilio, mais, lonxe de deixar atrás a Terra, levouna na maleta e seguiu traballando a reo por ela. E xunto a moita outra xente desprazada atesourou a idea de país e sementou novos proxectos para que puidese agromar algún día esa Galiza infinda que tan ben contou”.

Por todo isto, a deputada salientou a conveniencia de dedicarlle as Letras Galegas deste ano e de estudar e divulgar a súa figura. Neste sentido, explicou que a Deputación, dende os departamentos de Lingua e Memoria, puxo en marcha varios traballos, entre eles a edición dunha banda deseñada sobre Delgado Gurriarán destinada á xente moza a cargo de ‘O Garaxe Hermético’, doutro libro de Polo Correo do Vento para as crianzas. A eles únense os espectáculos que están a percorrer 35 concellos da provincia, a adquisición de libros do autor para repartir entre bibliotecas municipais e centros de ensino á editorial Galaxia, así como a celebración de actos como o de hoxe.

A presidenta, pola súa banda, gabou a figura de Florencio Delgado, “un poeta que a través dos seus versos defendeu a nosa lingua, a galega, e reivindicou co seu emprego o espazo que lle corresponde no tecido cultural”. Carmela Silva amosou o seu “orgullo pola lingua que constrúe o noso pobo e que -engadiu- debemos de empregar para seguir manténdoa viva, porque a nosa cultura e a nosa historia están escritas en galego e o mesmo debe suceder co noso devir”. A presidenta tamén se lembrou de Rosalía de Castro, a poeta que dá nome a sala na que se celebrou o acto. Para Carmela Silva “que a máxima expoñente da nosa lingua sexa unha muller dá conta das aptitudes que temos as galegas para crear cultura malia que durante séculos fomos silenciadas”. Así mesmo, fixo referencia a Vigo como “a cidade que veu nacer as Letras Galegas”.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

videos