A Deputación aproba outros 2,1 millóns de euros para outros cinco municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos

As subvencións chegarán aos concellos de Sanxenxo, A Estrada, Forcarei, Nigrán e A Cañiza, que realizarán actuacións para transformar o espazo público 

27/05/2022

Xunta de Goberno  

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde a 2.141.000 euros do Plan Concellos que, como informou a presidenta provincial, Carmela Silva, chegarán a Sanxenxo, A Estrada, Forcarei, Nigrán e A Cañiza "para financiar importantes actuacións de humanización ou de mellora viaria coas que os concellos transforman o espazo público da man da Deputación".

Sanxenxo recibirá "unha importantísima achega de case un millón de euros" coa que poderá humanizar a praza pública de Vilalonga. Este proxecto vai a suprimir o tráfico interior na praza, ampliar a zona infantil e crear unha barreira entre a praza e a PO-550 cunha bancada perimetral que pechará a zona. Ademais, a praza verá mellorado integramente o seu palco cunha terraza semiafundida, suprimiranse as barreiras físicas e incorporaranse unha pérgola e un xardín. Esta actuación demostra que "os concellos están a preparar proxectos que teñen que ver coa nosa visión de cambio no modelo de mobilidade" que se pon de manifesto "a través do decálogo que aprobamos cando comezamos a gobernar, das ordenanzas de actuación no viario público e do Plan Ágora".

A Xunta de Goberno tamén aprobou 451.000 euros para A Estrada, cos que o concello adquirirá unha parcela para usos múltiples situada na contorna da Casa das Letras e, polo tanto, "vinculada a que a recuperación do espazo público permita que acontezan cousas vinculadas ao deporte, a cultura e a crear comunidade". Para a comarca do Deza tamén foron aprobados 115.300 euros para queForcarei mellore o viario e marxes no lugar de Quintillán. Nigrán contará con 373.700 para humanizar a Praza de Rosalía de Castro, aproveitando así a inclusión nesta área da nova biblioteca que tamén financiou a Deputación co Plan Reequilibrio. Ademais, aprobouse unha achega deu 290.000 euros cos que A Cañiza construirá un skatepark e un pumptrak para a práctica de deportes urbanos.

audios