A Deputación e Galaxia abren o luns 1 de agosto a inscrición para dous novos obradoiros da Escola de Letras deste ano

As persoas interesadas poderán anotarse desde as 8 da mañá no enderezo electrónico escoladeletras@editorialgalaxia.gal

28/07/2022

Cartel novos obradoiros Escola de Letras  

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, a primeira posta en marcha en Galicia e unha das escasas que existen a nivel estatal, abrirá este vindeiro luns 1 de agosto ás 8 horas a inscrición para dous novos obradoiros literarios desta terceira edición, que arrancarán no mes de setembro tralo paréntese estival. Serán Diego Giráldez e Anna Figueiredo os docentes encargados de impartir estes talleres, que terán lugar en Vigo e Pontevedra e ofrecen en total 30 prazas.

No caso do taller de Diego Giráldez, consistirá nun obradoiro literario de 5 sesións (os días 13, 20 e 27 de setembro e 4 e 11 de outubro) que terá lugar na sede da Deputación en Vigo en horario de 18 a 20 horas, mentres que o obradoiro de Anna Figueiredo celebrarase no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra os días 19 e 26 de setembro; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro de 19 a 21 horas e leva por título "Escribir, xéneros, técnicas, temáticas". As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal .

Nesta solicitude constará o nome completo da persoa, o seu correo electrónico, teléfono e no asunto e no corpo o obradoiro elixido, cidade e docente, no que se queira matricular, por orde de preferencia. A inscrición realizarase por estrito orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo de cada curso e terán preferencia as persoas que non participaron en anteriores obradoiros. Abrirase así mesmo unha lista de agarda para, en caso de que se produzan baixas, contactar coas persoas anotadas. En setembro abrirase previo anuncio a inscrición para o derradeiro dos obradoiros previstos neste 2022, que ofrecerá a autora Elvira Ribeiro en Pontevedra e que terá lugar en outubro, os días 18 e 25.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo e á comunicación corporativa. Licenciado en Historia da Arte, publicou varios traballos que abranguen desde a arquitectura ata a historia económica. Con 20 anos participou xunto a outras persoas autoras no poemario Baldío e no 2016 publicou a súa primeira obra narrativa, Galería de saldos. Por este libro de relatos foi elixido Autor Galego do Ano polas lectoras e lectores da revista Fervenzas Literarias. Posteriormente, no ano 2010 gañou o Premio Literario de Relato Curto José Saramago e, no 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo. Un ano despois gañou o prestixioso premio literario Manuel Murguía.

Anna Figueiredo (Ourense, 1973) é doutora en Física pola Universidade de Sheffield e leva traballando no ensino galego desde 2019. Ten colaborado con publicacións xornalísticas en artigos relacionados coa literatura e a docencia. A súa primeira novela Os bicos feridos, obtivo o primeiro premio Viadutos de novela no 2018 e, desde entón ten publicada a proposta divulgativa A historia cóntana as vencedoras (2019) e participado no libro de relatos colectivo O libro dos trens (2020). Obtivo tamén premios como o de Relato Curto de Mugardos (2014), o Quintal Literario (2014) ou o de Relato Curto Inspiraciencia (2014). Asemade ten guionizado banda deseñada para publicacións como BOOM ou BDBanda.

A Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia arrancou no ano 2020 co obxectivo de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun abano de obradoiros que abarcan a novela, o relato ou a poesía, para todos os públicos. Neste 2022 ofertáronse un total de seis obradoiros e xa se celebraron os tres primeiros, impartidos por Inma López Silva (un en Vigo e outro en Pontevedra) e o de Antonio García Teijeiro en Vigo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.