A Deputación lanza a campaña “Na casa non quedo” para promover a vida activa e os hábitos saudables

A institución provincial repartirá inicialmente ata 4.500 camisetas e chalecos en actividades provinciais de deporte, medio ambiente, cultura ou convivencia

29/04/2022

Na casa non quedo

A Deputación de Pontevedra anima a toda a poboación da provincia a poñerse do lado dos hábitos de vida saudables coa campaña "Na casa non quedo”, que foi presentada hoxe pola presidenta Carmela Silva. Farao mediante a distribución de 4.500 camisetas e chalecos rotulados con este lema que se comezarán a repartir entre as persoas participantes en distintas actividades ao aire libre organizadas pola Deputación nos ámbitos do deporte, do medio ambiente, da cultura ou da convivencia.

Unha vez eliminadas as restricións orixinadas pola pandemia, “con esta campaña, queremos facer un chamamento para que a xente salga dos seus fogares, desfrute do aire libre e realice actividades”, manifestou Carmela Silva. Deste xeito, a través de “Na casa non quedo” dende a Deputación “animamos á xente da provincia a abandonar os hábitos nocivos de non moverse e a poñerse en marcha ocupando o espazo público a pé, en bicicleta ou facendo actividades deportivas de todo tipo. Ademais, precisou a presidenta provincial, afoutamos á veciñanza a que coñeza a provincia con alegría”.

Os primeiros chalecos, “que tamén inciden na seguridade” ao facer máis visibles ás persoas que os porten cando se realizan actividades nocturnas, serán distribuídos nas DepoAndainas (800), DepoRutas BTT (600), Depo Orienta (600) e Depo Auga (180). As camisetas chegarán nun primeiro momento ás persoas que participen nos Bosques terapéuticos (700), nos Roteiros literarios e nos de Arquitectura (350) e nas rutas ornitolóxicas de Voando nas Rías Baixas (100). Posteriormente se irán ampliando a outras actividades.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.