As mulleres da cultura do Manifesto de Soutomaior impulsan a candidatura da poeta Luisa Villalta para o día das letras galegas 2023

As asinantes do Manifesto, que impulsa a Deputación, avanzan na creación duns premios literarios para recoñecer o papel das mulleres vinculadas á escrita en galego e a creación dun Observatorio para estudos e análises de igualdade no sector do libro

07/07/2022

A Deputación de Pontevedra avanza no seu compromiso coa igualdade na cultura a través do Manifesto de Soutomaior. Así, se no 2021 celebrouse por vez primeira o Día das Escritoras cun encontro de 19 mulleres da cultura que rematou coa sinatura do documento, agora vén de xuntar ás mulleres da escrita no Castelo para poñer en marcha novas iniciativas. A principal foi o acordo para impulsar a candidatura da poeta Luisa Villalta, (1957-2004), cara á conmemoración do Día das Letras 2023, como "figura inequívoca e pioneira da perspectiva feminista na poesía en Galicia", proposta que farán chegar á Real Academia Galega.

No encontro tamén se confirmou a creación o próximo ano duns premios literarios para incentivar, apoiar e recoñecer o papel das mulleres galegas vinculadas á escrita en galego, e a posta en marcha dun Observatorio que permitirá realizar estudos e análises que faciliten información sobre a igualdade efectiva de mulleres e homes no sector do libro. Para elo, estableceranse contactos co Consello da Cultura Galega para buscar unha colaboración acorde cara aos estudos estatísticos. Xunto a estas cuestións decidiuse impulsar un acto central, da man da asociación Clásicas y Modernas, para celebrar o Día das Escritoras no próximo outubro e espallar, con motivo desta efeméride, un concurso escolar para implicar no festexo aos centros educativos de primaria e secundaria da provincia.

A reunión tamén supuxo o arranque da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior a través da cal se vai elaborar un plan de acción contra a desigualdade no que se recollerán medidas para reducir a fenda de xénero na esfera da escrita galega. Mediante a comisión traballarase para reclamar, entre outras cuestións, a paridade nos xurados dos premios literarios que se realicen en Galicia, nas edicións de antoloxías e compilacións de obras de escritoras/es galegas/os, pero tamén na visibilización de autoras e editoras, na inclusión obrigatoria de escritoras galegas e as súas obras nos plans de estudios, ou en que as cadeiras nos vindeiros dez anos na Real Academia Galega sexan ocupadas por mulleres ou que nos próximos dez anos o Día das Letras Galegas homenaxee a mulleres.

A Comisión estará presidida por Carmela Silva xunto a Fátima Anllo, presidenta de Clásicas y Modernas, como vicepresidenta; e como vogais Edurne Baines, xornalista e escritora; Isabel Blanco, avogada e escritora; Mariana Carballal, profesora, actriz e directora; Silvia Cernadas, historiadora e escritora; Mercedes Corbillón, escritora e editora; Arantza Portabales, escritora; Inma López Silva, escritora, profesora, investigadora e crítica de teatro; Esperanza Mara, soprano e instrumentista; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora; Silvia Penas, escritora, poeta e profesora; Elvira Ribeiro, poeta e escritora; Rexina Rodríguez, escritora e investigadora de literatura galega; Vicky Alonso, deputada de Cultura; Lucía Muradas, xefa de Igualdade da Deputación; Paula Cabaleiro, artista, xestora cultural e directora de Cultura e Ana Isabel Amoedo, técnica de Igualdade.

Finalmente, na xuntanza tamén se aprobaron novas adhesións ao Manifesto dos concellos de Vilagarcía, A Illa, O Grove, Baiona e Monfero (A Coruña), así como a Universidade de Vigo, a Asociación Cultural Barbantia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a escritora e ilustradora María Lapido. Xa son máis de 40 as asociacións, organismos e persoas as que forman parte e se invitará formalmente a todas as académicas da Real Academia Galega da Lingua para que se adhiran a título persoal.

Galerias de imaxes