Cambiemos o conto un concurso de relatos dirixido ao alumnado de Secundaria para reflexionar sobre a violencia machista e a igualdade

O certame, enmarcado no Manifesto de Soutomaior, premiará aos mellores relatos da ESO, Bacharelato, FP Básica ou Grao Medio que partan da denuncia do carácter machista dunha canción e reflexionen para construír o mundo e as relacións dende o feminismo

04/12/2022

A Deputación vén de lanzar “Cambiemos o conto” un concurso de relatos dirixido ao alumnado de ESO, Bacharelato, FP Básica ou de Grao Medio de centros educativos da provincia para incentivar entre a mocidade o pensamento crítico, sensibilizala na igualade e na loita contra as violencias machistas e fomentar a súa creatividade.  O certame xorde ao abeiro dos actos do primeiro aniversario do “Manifesto de Soutomaior”, o documento asinado fai un ano por mulleres da cultura no que se denunciaron as diferentes situacións de desigualdade  que existen no mundo da escrita e se propuxo un plan de acción para rachar con elas. O concurso, aberto ata o 30 de xaneiro de 2023, premiará aos mellores relatos  elaborados pola mocidade que partan da denuncia do carácter machista dunha canción e reflexionen para construír o mundo e as relacións dende o feminismo. Haberá tres premios para ESO e outros tres para Bacharelato, FP Básica ou de Grao Medio e os galardóns, iguais para ambas categorías, recalarán tanto nos centros educativos como nas mozas e mozos gañadoras/es.

“A educación e a cultura son ferramentas indispensables para cambiar o mundo, por iso consideramos fundamental que dende as aulas se impulse o espírito creador da mocidade e se faga denunciando e modificando todo aquilo que non está a funcionar como debe, como é o caso das violencias que sofren as mulleres e as desigualdades que padecen” remarcou a presidenta provincial Carmela Silva. Deste xeito, “Cambiemos o conto” ten por obxectivo premiar aos mellores relatos orixinais e inéditos elaborados de xeito individual por mozas e mozos de secundaria. Os relatos deben contar con entre 3.500 e 7.000 caracteres e partir dunha estrofa ou verso dunha canción que se escoite na contorna da mocidade, que teña moitas persoas seareiras, denunciando o seu carácter machista e facendo fincapé na necesidade de configurar un mundo feminista, libre de violencias machistas e  igualitario.

A participación no concurso é individual e cada concursante poderá presentar unha única proposta. Será o centro educativo a través dunha persoa responsable, unha mestra ou mestre ou a dirección, quen envíe a participa.igualdade@depo.gal cada un dos relatos, en formato .pdf, e identificados co nome da persoa participante, curso e nome do centro. Haberá dúas categorías, unha para o alumnado da ESO e outra para Bacharelato, FP Básica ou de Grao Medio e os premios serán iguais para ambas categorías. O primeiro premio consistirá nunha actuación musical ou encontro cunha escritora galega para o centro educativo e un ordenador portátil para a moza ou o mozo gañador; o segundo premio no encontro cunha escritora galega para o centro e unha tableta para a moza ou mozo gañador; e o terceiro premio na realización do obradoiro “Mudando letras” para o centro educativo e un agasallo didáctico para a moza ou mozo gañador.

Con motivo do primeiro aniversario do Manifesto de Soutomaior, amais deste concurso de relatos, acordouse tamén poñer en marcha os premios literarios “Hai unha voz”, para recoñecer o papel das escritoras, así como un observatorio sobre a situación das mulleres na literatura e unha biblioteca dixital de mulleres da escrita.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.