Co Plan ReacPon Pontecesures recuperará a Prazuela como espazo público peonil, seguro e amable

Carmela Silva sinalou “o cambio substancial que está a vivir Pontecesures” co apoio da Deputación, que recibirá 330.000 € para o financiamento deste proxecto transformador

10/02/2022

Firma convenio ReacPon Pontecesures  

“Esta sinatura é o colofón á traxectoria dos últimos 7 anos da Deputación, que tutela e apoia os concellos pequenos como Pontecesures”. Así de contundente se manifestou o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, na sinatura coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, do convenio do Plan ReacPon no que Pontecesures acadou financiamento para a reconexión peonil, segura e amable do seu núcleo urbano. As obras están valoradas en 366.779,86 euros, dos que a Deputación achegará 330.101,87 € e o Concello 36.677,99 €.

A presidenta provincial lembrou que ReacPon naceu, en primeiro lugar, da consciencia de que “en momentos de crise precisabamos unha política activa de investimento público. A Deputación tiña que ir na mesma liña que a Unión Europea e facer un esforzo para poñer á disposición dos concellos e da cidadanía recursos extraordinarios”. E tamén, sinalou, “dos escasos recursos que teñen os concellos para realizar os seus grandes proxectos transformadores, xa que o Plan Concellos non é suficiente porque os recursos deste plan van encamiñados ás competencias ordinarias”. O plan ReacPon segue a estela do Plan de Reequilibrio e o DepoRemse, “que tiveron grandes resultados no anterior mandato”, valorou Carmela Silva. O alcalde de Pontecesures sinalou que grazas a este plan “os concellos tivemos unha nova oportunidade para marcar un antes e un despois no noso territorio”.

O proxecto que presentou Pontecesures “sería imposible con recursos ordinarios”, valorou Carmela Silva xunto ao alcalde, ao que lle deu os parabéns porque “as bases eran esixentes e os prazos axustados, pero conseguístelo”. Ao acadar os recursos necesarios para facerlle fronte, “Pontecesures vai transformar un espazo central do municipio e acadará obxectivos moi importantes para a vida da xente: a que vive alí, a que nos quere visitar ou a que está a pensar en ir vivir a outros lugares pola súa calidade de vida”, sinalou, lembrando a filosofía de cidades desexables que tanta importancia acadou trala pandemia. Deste xeito, “o cambio que está a vivir Pontecesures co apoio da Deputación é substancial”. A presidenta tamén valorou que “as dotacións cun alto volume de persoas precisan espazos públicos onde as persoas, particularmente as nenas e nenos, poidan camiñar sen riscos, con autonomía, independencia e seguridade, e este é un gran proxecto” que exemplifica, ao seu parecer, “todo o que queren facer os concellos e todo o que poderíamos facer desde o mundo local se tivéramos máis recursos para transformar, o cal repercutiría non só nas nosas vilas senón no conxunto do Estado”.

O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, agradeceu “a sensibilidade da Deputación connosco e por facermos un tándem perfecto para reverter a imaxe de Pontecesures como vila que medraba de costas ao río e á zona portuaria”. Coa reconexión do núcleo urbano, asegurou, “melloraremos a seguridade e crearemos un cambio histórico sobre a forma na que a nosa vila está pensada”. Vidal salientou que “o 10% da nosa poboación visita diariamente esta zona de concentración de dotacións. Todas esas persoas están obrigadas a coexistir cun alto volume de vehículos, e deberiamos acoutar estas prácticas e dar liberdade a todos os tipos de mobilidade”. O alcalde tamén lembrou os ambiciosos proxectos do Plan de Reequilibrio e o Plan DepoRemse, que conseguiron “fitos de sostibilidade e cohabitabilidade” e “son unha mostra de que os concellos podemos crear cambios, sinerxías e un efecto multiplicador”. O proxecto do ReacPon, asegurou, “é a guinda final a todo este camiño, e agardamos poder continuar”.

O proxecto

Grazas ao ReacPon, Pontecesures converterá A Prazuela no espazo público urbano central do municipio, recuperando un protagonismo que xa tivo noutros tempos debido á súa singularidade, pero que foi perdendo e na actualidade resulta pouco axeitada para a realización de actividades. Recuperarase a conexión peonil entre o centro e as dotacións públicas (colexio, biblioteca, centro de saúde, escola infantil ou pavillón municipal de deportes) que discorren pola rúa Miguéns Parrado, nas que agora existen barreiras arquitectónicas coas que a convivencia entre persoas que camiñan e vehículos é moi difícil.

Coas obras financiadas ao abeiro do ReacPon aumentarase a superficie de uso peonil cun só carril para tráfico rodado a velocidade máxima de 10 km/h delimitado por bolardos de aceiro que impedirá o seu acceso á praza, a peonalización da rúa Miguéns Parrado, redución do tráfico de vehículos e maior accesibilidade e seguridade viaria dos espazos públicos, en especial o recorrido dende a Prazuela ata a zona. Tamén se recolocarán os bancos e se plantarán 12 bidueiros, que se iluminarán con proxectores e balizas.

Galerias de imaxes

videos