Esgotadas en media hora as prazas para a nova ruta polos “Bosques terapéuticos” da Illa de Tambo

Continúa aberta a inscrición para os outros sete baños de bosque por seis espazos naturais da provincia que ofrecerá en xuño este programa da Deputación

24/05/2022

A ruta para desfrutar dos baños de bosque na Illa de Tambo o 18 de xuño ten sido a primeira en cubrir as súas prazas na nova e terceira edición do programa “Bosques Terapéuticos” da Deputación de Pontevedra. A expectación por coñecer a natureza desta singular paraxe da ría pontevedresa foi tal que no primeiro día do prazo de inscrición, o aforo para participar nesta ruta completouse en apenas media hora e xa está pechada a lista de agarda.

Tambo é un dos sete espazos naturais da provincia nos que desde o 4 de xuño ata o 25 de setembro se desenvolverá o programa “Bosques Terapéuticos”, e a Deputación sufragará o transporte marítimo ata a Illa. As outras paraxes son os Salóns do Lérez (Pontevedra), o espazo do Río Eifonso en Bembrive (Vigo), a Illa de Arousa, a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), a Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) e a Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). En conxunto, serán un total de 38 as rutas ofrecidas, con 570 prazas. Nesta terceira edición, ao igual que o pasado ano, as inscricións ábrense de mes en mes e, deste xeito, está aberto o prazo para solicitar a participación nas restantes sete rutas previstas para o vindeiro xuño ata dous días antes da celebración de cada unha. As persoas interesadas poden anotarse a través formulario dispoñible na web provincial www.depo.gal.

En xuño, os baños de bosque comezarán o día 4 coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán o 5 coa dos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase o roteiro polo Río Eifonso (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). Despois da cita en Tambo, percorreranse os “Bosques Terapéuticos” na Illa de Arousa os días 19 e 25 e, por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.

Os “Bosques Terapéuticos” constitúen unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio, nunha ruta guiada que busca dar a coñecer os espazos naturais da provincia e a posta en valor dos beneficios dos “baños de bosque”. As rutas terán 15 prazas cada unha, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza para o desenvolvemento desta actividade.

En cada unha das rutas haberá unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos “Bosques Terapéuticos”, adaptada aos contidos desenvolvidos na ruta e ao espazo no que se desenvolve. As visitas están destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e 2 horas. Comezarán ás 10 polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.