Eva Comesaña empodera ao alumnado do IES de Meaño no marco do programa “Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra

Baixo o título de “Terra firme” a artista viguesa fixo unha exhibición de danza contemporánea marcada polo traballo das mulleres en Galicia e na diáspora
 

09/02/2022

Violencia Zero en Meaño
 

A Deputación de Pontevedra levou o seu programa “Mulleres en acción. Violencia zero” ao IES de Meaño coa peza “Terra firme”, de Eva Comesaña. A artista viguesa abraiou coa súa danza contemporánea a máis de 50 alumnas e alumnos de 3º da ESO do centro así como á deputada de Igualdade Victoria Alonso, ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e á concelleira de Igualdade, María Dolores Balboa. Todas elas e eles desfrutaron dun espectáculo que navega entre dúas realidades -a galega e a dos territorios da emigración- unidas por un océano e un pasado.

Para crear esta peza Eva Comesaña inspirouse no matriarcado existente en Galicia e na memoria das mulleres, facendo especial fincapé na das avoas, na das mulleres do mundo rural e na de todas aquelas que se viron obrigadas a emigrar. A diáspora foi precisamente o elemento que marcou toda a exhibición, durante a que a artista de Vigo buscou a “terra firme” cos seus movementos. Estes estiveron acompañados por unha composición musical orixinal de Yoel Fontán, tamén presente en Meaño, que contou con sons gravados do ruxir do mar e percusión.

Ao finalizar a actuación a artista, vestida en tonalidades azuis que recordaban ao mar que tantas mulleres e homes tiveron que cruzar en busca dun futuro, achegouse ao alumnado para coñecer os sentimentos que a peza espertara no seu interior. As rapazas e rapaces recoñeceron a importancia do empoderamento das mulleres e comentaron con Eva Comesaña que a peza lles fixo lembrarse das súas avoas, que malia ser quen sempre fixeron todas as labores do fogar e as que se encargaron dos coidados da familia sempre sentiron que eran os homes da casa os que realmente tiñan un traballo.  Ademais, a actuación transmitiu forza á mocidade, que tamén sentiu os movementos da artista como un debate entre a terra e o mar.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña e Silleda esta é a quinta acción da sétima edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación de Pontevedra continuará a expandir a loita feminista noutros vinte concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, o programa continuará visibilizando o talento das mulleres ao longo deste 2022 con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en Forcarei, Oia, Agolada, Caldas, Moaña, A Lama, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.