A Deputación convoca os primeiros premios #CultivaCultura para potenciar a difusión artística na Sede de Vigo

O programa seleccionará ata seis proxectos para ser expostos nas salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo

29/03/2023

Cos obxectivos de salvagardar, desenvolver e promover a diversidade cultural, reforzar a competitividade dos sectores cultural e creativo e posibilitar o acceso á cultura da cidadanía da provincia, a Deputación vén de poñer en marcha a primeira edición dos Premios #CultivaCultura. Este novo programa busca seleccionar cada ano os mellores proxectos artísticos profesionais cuxo desenvolvemento e contido poida ser exposto na súa sede de Vigo, ben na sala Rosalía de Castro ou en Maruja Mallo. Desta maneira, perséguese o recoñecemento, o impulso profesional e a difusión artística mediante a produción de proxectos, exposicións ou instalacións sobre calquera disciplina de creación artística que destaque pola innovación, a calidade e a adecuación da proposta aos recursos de que se dispoñen e ao espazo expositivo das salas da sede de Vigo.

Aos premios, dotados cun orzamento de 15.000 euros, poden optar as e os artistas, comisarias ou xestoras culturais dos circuítos profesionais, de orixe galega ou residentes na comunidade autónoma, que presenten proxectos expositivos nas modalidades de pintura, escultura, fotografía, ilustración, instalación, arte sonora, audiovisual, moda ou deseño. En total, concederanse ata seis premios de 2.500 euros cada un entre os proxectos expositivos que se presenten, tres deles para a sala Rosalía de Castro e os outros tres para a sala Maruja Mallo. Aquelas propostas que sexan premiadas serán exhibidas nestes espazos durante un período de entre un mes e medio e dous meses.

As solicitudes, que as persoas interesadas poden presentar ata o 20 de abril a través da Sede electrónica da Deputación, deben ir acompañadas da relación das e dos artistas que conforman o proxecto (no caso de ser colectivos); unha memoria do proxecto expositivo que se vai desenvolver; a relación de obras, características e necesidades técnicas, tales como peañas, vitrinas, pantallas, etc.; o currículo artístico resumido da persoa ou persoas participantes no proxecto, e un dossier artístico con traballos anteriormente desenvolvidos que permita coñecer a traxectoria artística.