O Museo acolle a exposición Sombras Atlánticas, unha selección de rostros da pintura e a escultura de Galicia protagonizan a nova exposición do Museo, con fotografías de Anxo Cabada

‘Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega’ inaugúrase hoxe ás 19.00 horas no Edificio Castelao e poderá visitarse ata o 15 de xaneiro

04/11/2022

Anxo Cabada

Nos últimos catro anos, o fotógrafo e profesor estradense Anxo Cabada percorreu os estudios de 34 artistas por toda Galicia acompañado dun pano negro para fotografar no seu contexto ás persoas que configuraron a imaxe plástica do país nos últimos 50 anos. O resultado dese traballo pódese ver desde hoxe no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, na exposición ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’, que se poderá visitar ata o 15 de xaneiro.

A mostra reúne retratos en branco e negro de artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia. José Manuel Rey, director do Museo, destacada que “a exposición é unha homenaxe ás persoas que crean beleza a través dunha serie de magníficos retratos que funcionan de maneira illada pero que gañan presenza no diálogo que se establece entre eles”.

Nas fotografías en gran formato que compoñen a mostra atopamos ás e aos artistas nalgúns casos na compañía dalgunha das súas obras, noutros casos cos materiais que empregan no seu traballo. Tamén hai imaxes tomadas en lugares de inspiración ou referencia. Polo obxectivo de Anxo Cabada pasaron un número parello de mulleres e homes artistas que marcaron a arte galega nas últimas décadas do século XX e no que vai do XXI.

Como sinala José Manuel Rey, “a mostra dialoga coa exposición permanente do Museo, na que podemos atopar a obra de varios dos e das artistas retratadas, como Acisclo Manzano, Jorge Castillo, Ánxel Huete, Din Matamoro, Francisco Leiro, Tatiana Medal ou Almudena Fernández Fariña. Tamén Silverio Rivas, que protagoniza a nosa próxima exposición, que inauguraremos a finais deste mes. E xunto a eles e elas, máis grandes artistas como Menchu Lamas, Carme Nogueira, Mónica Alonso, Xosé Freixanes, Antón Patiño, Pamen Pereira, Lula Goce etcétera”.

A exposición complétase cun vídeo e coa edición dun catálogo que recolle todos os retratos que a forman.

Anxo Cabada é natural de Sabucedo (A Estrada). Leva catro décadas fotografando o territorio galego en proxectos nos que abordou diferentes temáticas como, entre outras, o mar en ‘Mareagrafías’ (2005), a terra en ‘Terragrafías’ (2009) e as vilas galegas en ‘Vilagrafías’ (2012), unha proposta literario-fotográfica. En ‘O imaxinario do país’ (2018) Cabada retratou as escritoras e escritores galegos, un proxecto que precedeu este ‘Sombras atlánticas’, centrado agora nos e nas artistas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.