Bizkaia beberá do ‘Modelo Ágora’ e representantes da Deputación Foral visitarán a provincia de Pontevedra para coñecer in situ o traballo de recuperación do espazo público

A delegación do vicepresidente César Mosquera e os deputados Uxío Benítez e Gregorio Agís foi recibida por integrantes do goberno foral vasco

15/09/2022

Viaxe a Bizkaia

A Deputación de Pontevedra e a Deputación de Bizkaia viviron hoxe unha xornada de intercambio de coñecemento grandemente frutífera para ambas partes. As dúas entidades puxeron sobre a mesa as actuacións dos seus departamentos de Mobilidade e Infraestruturas: o departamento de Mobilidade vasco aplaudiu a filosofía do ‘Modelo Ágora’, do que pretende aproveitar os seus avances en pro da mobilidade activa, e a parte pontevedresa tomará propostas do proxecto BizkaiBizi, de fomento da cultura ciclable.

Nas reunións estiveron presentes o vicepresidente César Mosquera, os deputados de Mobilidade Uxío Benítez e de Infraestruturas Gregorio Agís, así como o director de Mobilidade Daniel Romay e o asesor Jesús Fole. Pola parte vasca, estiveron o deputado de Mobilidade Miguel Ángel Gómez e integrantes da súa equipa, dirixida polo director de Mobilidade sustentable Ángel Anero.

O deputado Uxío Benítez explicou que a Deputación deu un xiro de 180 graos á concepción da mobilidade na provincia de Pontevedra no cambio de goberno en 2015, pasando a un concepto de infraestrutura entendida como espazo público, impulsando axudas e asesoramento técnico aos concellos que apostan por recuperalo para as persoas. Subliñou que grazas á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público prevese obter importantes resultados cuantificables de metros cadrados recuperados para a cidadanía na provincia fronte á mobilidade motorizada.

Pola súa banda, o deputado Miguel Ángel Gómez, manifestou o interese polo traballo feito en Pontevedra e indicou o interese que dende hai tempo existe na Deputación de Bizkaia polos avances e a proxección da reforma urbana da cidade do Lérez. Manifestou a súa intención de visitar a provincia galega e ver como a filosofía de actuación se está a estender na provincia grazas ao ‘Modelo Ágora’.

Explicou que no caso de Bizkaia o departamento de mobilidade sustentable creouse no actual mandato co fin de buscar complementariedade ao departamento de transportes que xestiona as liñas de bus e veu posibilidade de aproveitar o ‘know how’ das iniciativas galegas para coller propostas extrapolables ao territorio vasco.

Pola súa banda, Ángel Anero explicou o BizkaiaBizi, un proxecto que lidera o impulso da mobilidade ciclable mediante a implementación de melloras nas infraestruturas -con 400 km de vías ciclistas que se prevén duplicar a 900 km-, aparcamentos e aluguer de bicicletas e outros medios de transporte non motorizados. Tamén traballan na potenciación de acordos de colaboración con outras entidades públicas ou privadas a fin de promover mobilidade ciclable na busca de promover un sistema tarifario único e integrado.

Acto seguido da reunión en Mobilidade, a delegación pontevedresa tivo un encontro cos representantes do departamento de Infraestruturas, o deputado Imanol Pradales e os directores xerais de Desenvolvemento Territorial Gorka Estébez e  o de Innovación e Xestión Viaria, Jon Larrea. Eles expuxeron o Plan de Innovación en Infraestruturas Viarias de Bizkaia 2020-2023 en relación ás estradas de competencia foral, e tamén o Plan Territorial Sectorial de Vías Ciclistas de Bizkaia (en elaboración), o Plan Director Ciclable ‘Bizkaia Bizikletaz), o manual técnico e guía práctica par ao deseño de rutas ciclables, e a norma foral da Rede de Infraestruturas ciclables forales de 2014.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.