Unha senda peonil de máis de 1,5 km na estrada de San Vicente estenderá o modelo de mobilidade segura da Deputación polo concello do Grove

As obras contarán cun orzamento de máis de 551.000 euros e garantirán a permeabilidade peonil entre Campos e A Gandariña

15/06/2022

Camiñar pola estrada provincial EP-9101 entre os núcleos de Campos e A Gandariña será moito máis doado en poucos meses, unha vez que se executen as obras da nova senda peonil e mellora da seguridade viaria que vai acometer a Deputación cun orzamento de 551.784 euros. O convenio para financiar esta obra xa está asinado pola Deputación e o Concello. A  institución provincial achegará o 80% (441.427 euros) e a municipal o 20% restante (110.357 euros), que financiará utilizando os recursos do Plan Concellos 2022-23.

A futura senda peonil situarase no comezo da estrada provincial que comunica o centro urbano do Grove con San Vicente do Mar, no tramo que vai do PQ 1+000 ao PQ 2+550, é dicir entre os lugares de  Campos e A Gandariña. Deséñase na marxe esquerda da estrada (en dirección a San Vicente). Trátase por tanto da transformación completa dun treito de máis de quilómetro e medio de lonxitude nunha estrada que ten un trazado total de 7.459 metros e que agora mesmo carece de beirarrúas e espazos que permitan o tránsito seguro a pé porque conta cun ancho medio de só 7 metros e ten unha forte presión residencial nas súas marxes. Ademais, ao longo de todo este percorrido existen obstáculos como postes de telefonía, alumeado público, rede eléctrica, pozos de saneamento e grellas para a recollida de augas pluviais.

Ancho mínimo de 2,50 metros e superficie de formigón

A intención deste proxecto é garantir a continuidade peonil cun espazo accesible para as persoas que camiñan, eliminando barreiras e garantindo a seguridade viaria aproveitando a beiravía actual e os sobrantes  da calzada. Para elo demoleranse tódolos pavimentos e obstáculos existentes. A nova senda terá un ancho mínimo de 2,50 metros en todo o percorrido e estará acabada cunha superficie de formigón coloreado de 15 centímetros de espesor sobre base de saburra compactada. Ademais colocarase un bordo de separación entre a beiravía (que pasa a ter 50 centímetros de ancho, incluíndo o caz de formigón) e a nova senda peonil.

Nos treitos nos que o espazo dispoñible da calzada non permitía alcanzar os 2,50 metros mínimos esixidos pola Deputación para as súas sendas peonís desprazarase o eixo da actual estrada cara a dereita e mesmo reducirase a sección dos carrís e beiravías. Ademais, en dúas zonas concretas (PQ 1+620 a 1+700 e PQ 2+050 a 2+140) faise necesario reducir o ancho do carril de circulación de 3,50 metros a 3,20 metros. A obra, deste xeito, deixa clara a aposta do modelo provincial de priorizar o tránsito peonil sobre a circulación rodada. Ademais, no treito final na zona da Gandariña, acondicionarase a superficie pavimentada na marxe dereita cunha capa de “slurry” de cor para diferenciar o seu uso por parte do tráfico peonil. A senda contará coa preinstalación para o soterramento da rede de alumeado público e retranqueará dous postes de formigón, coa súa correspondente luminaria no treito final.

A execución desta senda require da construción dun muro de 100 metros de lonxitude para a contención de terras nunha das zonas con maior desnivel. A causa da pendente, este tramo estará tamén dotado dunha varanda de aceiro galvanizado. Ademais disto, será preciso reconstruír tres pequenos tramos de muros de contención ao logo do percorrido. A seguridade viaria complétase coa dotación de tres pasos de peóns sobreelevados e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical para remarcar a preferencia peonil. A obra inclúe tamén unha nova drenaxe de augas pluviais a través de tubaxes de PVC de 400 mm de diámetro e sumidoiros colocados no caz de formigón da marxe esquerda e pola beiravía da marxe dereita. Nesta marxe dereita o proxecto contempla tamén dous tramos con cuneta transitable de formigón  para garantir a máxima sección dispoñible en caso de cruzamento de vehículos pesados.

A nova senda peonil da EP-9101, unha das principais vías de comunicación da península do Grove, vén completar as melloras na seguridade viaria acometidas pola Deputación que xa representaron a construción da rotonda no PQ 5+150 nesta mesma estrada, cun orzamento de case 260.000 euros, e os dous tramos de sendas peonís na EP-9106 na contorna da igrexa de San Vicente e da praia do Carreiro, con outros 600.000 euros.

Logos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.