A Deputación destina máis de 552.000 euros á mellora da seguridade viaria na EP-9101, no Grove, que incluirá unha senda peonil de 1,5 quilómetros

Carmela Silva destacou a necesidade de “ter sensibilidade con todas as zonas rurais” e puxo sobre a mesa que “O Grove é un dos concellos da provincia que ten sido máis valente á hora de apostar por infraestruturas do século XXI”

15/10/2022

 MELLORA EP 9101 O GROVE

A mellora da seguridade viaria na EP-9101 O Grove – Igrexa de San Vicente será unha realidade nos próximos meses. Así o anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nunha visita na que se desprazou ata o lugar no que se acometerán as obras xunto co alcalde do Grove, José Cacabelos, e membros das corporacións provincial e local. As actuacións levaranse a cabo entre o PQ 1+000 e o 2+550 e teñen un orzamento de 552.000 euros, que serán financiados de xeito íntegro pola Deputación. Entre elas destaca a creación dunha senda peonil de máis de 1,5 quilómetros entre os núcleos de Campos e A Gandariña coa que a Deputación “segue a apostar por unha provincia onde as persoas sexan o centro da nosa actuación”.

Carmela Silva puxo o foco na necesidade de “ter sensibilidade con todas as zonas rurais, que ademais son moi atractivas. Por aquí -recordou- vai a pasar a veciñanza do Grove pero tamén moita xente que vén a visitarnos e que cada vez demanda máis espazos por onde se poida camiñar”. Neste senso, subliñou que “O Grove é un dos concellos da provincia que ten sido máis valente á hora de apostar por infraestruturas do século XXI, onde os vehículos son necesarios para movernos pero non poden ser os protagonistas. Así, nestes máis de sete anos de goberno provincial, converteuse nun concello absolutamente diferente”. “Este feito -engadiu- débese á aposta tan importante que está facendo o goberno municipal e o seu alcalde, unha persoa coa que é moi fácil traballar porque é un gran colaborador, é capaz de unificar esforzos, e isto ten feito que fixéramos tantas obras no Grove e nesta zona única no mundo que é San Vicente”.

José Cacabelos ratificou as palabras da presidenta, a quen agradeceu “ter esa sensibilidade política para saber, coñecer e facer realidade os soños da xente”. Para o alcalde a senda peonil que se construirá cos fondos da Deputación é “unha das actuacións máis requiridas, demandadas e esperadas que permitirá conectar os núcleos rurais co centro e facilitar que todas e todos nos poidamos desprazar de xeito seguro por unha estrada que ata agora so gañaban os vehículos”. O alcalde resaltou que “nestes últimos sete anos superamos os 15 millóns de euros investidos pola Deputación nesta vila” e lembrou outras actuacións realizadas no Grove que permitiron “ir gañando espazo ás e os peóns nas rúas urbanas, como a Castelao ou a Alexandre Bóveda, sempre co apoio económico da Deputación”.

“Unha infraestrutura fundamental”

A senda peonil que discorrerá entre Campos e A Gandariña segue o modelo de mobilidade amable, segura e sostible da Deputación. Deste xeito, contará con 2,50 metros de ancho mínimo para garantir a accesibilidade e ademais colocarase un bordo de separación entre a beiravía e a nova senda peonil. As actuacións tamén comprenden a construción dun muro de 100 metros de lonxitude para a contención de terras nunha das zonas con maior desnivel. Así mesmo, a seguridade viaria complétase coa dotación de tres pasos de peóns sobreelevados e a renovación completa da sinalización para remarcar a preferencia peonil. E o tramo contará cunha nova drenaxe de augas pluviais e sumidoiros.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.