Vilagarcía, protagonista do novo obradoiro da Facultade Ágora da Deputación como exemplo de como recuperar espazo público para as persoas

Persoal técnico de diferentes concellos da provincia realizarán este xoves 8 unha visita ao municipio, analizarán as obras realizadas e debaterán sobre como priorizar as persoas fronte aos coches no deseño urbano

05/09/2022

Facultade Ágora obradoiro Tomiño

O Concello de Vilagarcía será este xoves protagonista e escenario do primeiro ‘Obradoiro’ da Facultade Ágora da Deputación de despois do verán. Esta iniciativa formativa pretende achegar recursos ao persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de recuperar espazo público para as persoas e, neste caso, representantes de diferentes municipios da provincia visitarán a vila do Salnés para facer unha análise das obras realizadas ‘in situ’ e, co caso local como exemplo, aprender xunto á especialista Rocío Plasencia cales son as mellores fórmulas para priorizar ás persoas fronte os vehículos.

Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, o obxectivo dos ‘Obradoiros Ágora’ será adquirir coñecementos técnicos de forma concreta e práctica, visibilizar como se vai plasmando a filosofía Ágora no espazo público dos ‘Concellos Ágora’ e  adquirir formación mediante o debate colectivo e en grupo.

“Temos que tomar conciencia de que a nosa defensa do espazo público e a materialización das ideas de recuperación deste non é unha excepción. É unha práctica cada vez máis estendida, polo que é preciso empoderarse e ser conscientes de que estas ideas son as ideas do futuro, futuro apoiado nun presente moi real e xa non exclusivamente teórico porque a  utopía xa se está materializando”, subliña o nacionalista, quen salientou que Vilagarcía foi elixido como sede dun dos ‘Obradoiro Ágora’ posto que se está a converter nun “referente” pola aplicación da filosofía provincial.

O obradoiro estará integrado por unha sesión en sala e unha visita comentada a espazos públicos considerados casos de boas prácticas. Así mesmo, contará coa participación dunha persoa experta de recoñecido prestixio (‘Observador Ágora’) que sumará ás dinámicas de traballo os seus coñecementos e impresións. No caso de Vilagarcía será a arquitecta e xestora de mobilidade Rocío Plasencia Estefani, que desde hai máis de 15 anos centrou a súa carreira no campo da planificación, a mobilidade e a transformación do espazo público construído. Nos últimos anos traballou tamén o urbanismo inclusivo desde a perspectiva de xénero, de xeración (nenos e terceira idade) e na participación cidadá nos procesos de intervención no espazo público. Actualmente compaxina o seu labor profesional coa investigación, traballando nunha Tese Doutoral no campo da mobilidade sostible e o deseño inclusivo do espazo público.

A xornada comezará ás 9.30 da mañá cunha ‘deriva de observación’ por parte das persoas matriculadas. Despois haberá unha benvida por parte do alcalde na Praza da Peixería e iniciarase o debate conxunto. Pola tarde haberá unha visita comentada ás diferentes actuacións realizadas polo Concello coa participación do rexedor, a concelleira Paola Mochales e o arquitecto municipal Juan José Rodríguez.

En xeral, a xornada de traballo servirá para aplicar conceptos teóricos adquiridos na primeira edición da Facultade durante o ano pasado. Quérense buscar solucións prácticas a necesidades que se repiten en todos os concellos: saber como repartir o espazo público, como utilizar criterios de deseño, como resolver interseccións, ou como xestionar o tráfico, entre outras cuestións.