A Deputación aposta pola innovación coa celebración este xoves dunha nova xornada de “Depoinnova”

Na xornada presentaranse os retos aos que se enfronta a provincia e para os que a entidade provincial espera solucións innovadoras de universidades, centros de investigación, empresas e centros tecnolóxicos, ademais de fomentar a interacción entre as entidades interesadas na Consulta Preliminar ao Mercado (CPM) en marcha

12/09/2022

O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra acollerán o xoves, ás 11.00 horas, unha xornada de traballo na que se presentarán en detalle os retos do programa “Depoinnova”. Este plan, que ten como obxectivo explorar as capacidades de colaboración público-privada co fin de resolver os problemas máis complexos aos que se enfronta o conxunto da provincia. O proxecto cofinanciarase con fondos europeos a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e do PERTE de dixitalización do ciclo da auga do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

As entidades interesadas en achegar propostas de solucións para os retos presentados poden facelo ata o vindeiro 28 de setembro, día no que pechará o prazo ás 10.00 horas. No espazo web do programa  (https://www.depo.gal/-/depoinnova) pódese atopar toda a información do proxecto, ademais da ligazón na que é posible inscribirse para asistir a este evento que se desenvolverá de maneira presencial.

Son seis os grandes retos que se presentan a través de “Depoinnova”: a dixitalización do ciclo da auga, a xestión de residuos e a economía circular, a xestión integral de infraestruturas provinciais, a dixitalización da Administración pública provincial, os programas sociais e de emprego e o Museo de Pontevedra do século XXI. O presuposto máximo aproximado para as propostas para a xestión do ciclo da auga é de 10 millóns de euros, mentres que aquelas que sexan para proxectos innovadores non poden ter un orzamento inferior aos 5 millóns de euros.

Para a súa execución empregarase maioritariamente o instrumento de compra pública de innovación (CPI) co fin de promover a innovación como ferramenta clave do desenvolvemento da provincia e para a busca de solucións innovadoras aos retos aos que se enfronta o territorio. Por iso, e como paso inicial para comezar este proceso, a Deputación convocou o pasado mes de xullo unha Consulta Preliminar ao Mercado, co obxectivo de coñecer o nivel de madurez e o estado da arte das potenciais solucións innovadoras que poderían implementarse para resolver os retos que se presentan. Ao evento celebrado para dar o tiro de saída do proxecto acudiron preto de 150 persoas e xa hai máis de 215 persoas inscritas na base de datos do programa, o que demostra o grande interese das empresas e centos de investigación. Por iso, a entidade provincial vén de ampliar o prazo para a presentación de propostas ata o vindeiro 28 de setembro.

O evento deste xoves está artellado arredor de tres mesas de traballo, nas que se explicarán en detalle os retos para os que se buscan solucións, e nas que se poderán resolver as dúbidas que existan arredor deles. Nelas, ademais, as persoas asistentes poderán discutir en profundidade co persoal técnico da Deputación e co resto dos participantes os enfoque e ideas que poidan ter de cara a realizar propostas. Ao remate da xornada celebrarase un café networking, no que as e os participantes terán a posibilidade de aproveitar a ocasión para interactuar e establecer posibles alianzas de cara á preparación das súas propostas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.