#LINGUA

Visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía

A Deputación de Pontevedra, a través dos seus Servizos Lingüísticos, e en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, puxo en marcha o programa de visitas escolares “Rosalía, a súa casiña, o meu lar” á Casa-Museo de Rosalía, que pretende achegar a figura e o legado da autora ao alumnado de primaria e secundaria de toda a provincia.


As visitas á Casa de Rosalía servirán para dar a entender de forma máis efectiva a importancia da autora como figura central da cultura galega e eixe dunha familia que funcionou como unha auténtica factoría cultural ao servizo do Rexurdimento galego.

As e os participantes realizarán un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra da autora: na planta baixa da Casa-Museo, denominada “O perfil dunha sombra”, poderán apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, a contorna que a rodeou e a relación do pobo galego coa súa figura; mentres que na primeira planta, denominada “O seu”, vivirán unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. Realizarase tamén unha proxección audiovisual sobre a autora e rematará coa entrega ao centro de ensino de varios dos seus volumes literarios.

A Deputación farase cargo dos custos da entrada á Casa-Museo e do transporte do alumnado desde os seus centros de ensino ata Padrón, polo que esta iniciativa será totalmente de balde para as persoas beneficiarias.

O procedemento para solicitar as visitas está publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) do 7/6/2022. Estas concederanse por estrita orde de entrada.

Noticias relacionadas

 
		A Deputación levará á rapazada dos centros escolares da provincia á Casa de Rosalía para coñecer a figura e o legado da autora

A Deputación levará á rapazada dos centros escolares da provincia á Casa de Rosalía para coñecer a figura e o legado da autora

O departamento provincial de Lingua e a Fundación Rosalía de Castro colaboran para desenvolver o programa educativo de visitas guiadas ‘Rosalía, a súa casiña, o meu lar’