A Deputación aborda a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil da EP8501 en Valga cun investimento de 462.000 euros

A actuación inclúe a realización dunha glorieta e itinerarios peonís nun treito de 450 metros da estrada, nunha contorna pola que pasa o Camiño Portugués a Santiago

07/05/2022

Xunta de Goberno  

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o expediente para contratar as obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-8501 Valga-Martores, no Concello de Valga, unha actuación que ten un orzamento de 462.521€. As obras, baixo o modelo de seguridade amable e segura da institución provincial, pretenden delimitar claramente a circulación do tráfico rodado e peonil nun tramo de preto de medio quilómetro, coa creación de espazos peonís seguros para os colectivos máis vulnerables, tendo en conta, como sinalou a presidenta Carmela Silva, que se trata dunha estrada moi importante "en canto ao seu tránsito peonil e tamén porque pola zona transcorre o Camiño de Santiago". "Con estes proxectos -apuntou- seguimos transformando todos os concellos da provincia".

As obras, que financiará ao 100% a Deputación xa que a aportación municipal do 30% sufragarase co Plan Concellos, desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+050 e 1+500, un treito que na actualidade se atopa destinado case na súa totalidade aos vehículos. O proxecto contempla tres tipos de actuación diferentes, en función da casuística existente ao longo do trazado. Deste xeito, no primeiro tramo, de 90 metros, reordenarase o espazo da intersección existente coa instalación dunha glorieta para ordenar o tráfico, executaranse pasos de peóns sobreelevados na entrada da mesma e a, continuación, na estrada provincial habilitaranse dous carrís de 2,75 metros de ancho cada un, beiravías de 0,50 metros e unha senda peonil de 90m na marxe dereita da estrada. Esta terá 2,50 metros de ancho e será de formigón coloreado, e irá desde a glorieta ata a zona da Igrexa de San Miguel.

No segundo tramo, do p.q. 1+140 ao p.q. 1+310, crearase unha zona de convivencia con prioridade peonil e ancho variable, deseñada en formigón coloreado para dignificar un espazo público que se atopa nun entorno de gran importancia patrimonial, tanto polo Camiño de Santiago que vai pola marxe dereita do pq. 1+160 como pola situación da Igrexa de San Miguel. E, por último, nos restantes 190 metros ata o p.q. 1+500 ensancharase a plataforma existente mediante a execución de muros de contención nas zonas de terrapléns e escavacións nas zonas de desmonte, co fin de conseguir unha sección tipo de mínimo 9,50 metros de ancho, repartida en dous carrís de 2,75 metros cada un, beiravías de 0,50 metros e unha senda peonil na marxe dereita de mínimo 2,50 metros de ancho, así como unha cuneta transitable de formigón na marxe esquerda, co fin de recoller as augas que baixan desde a zona do desmonte á plataforma da estrada.

A maiores, o proxecto contempla a renovación do aglomerado existente no ámbito de actuación, así como a execución de medidas de acougado de tráfico mediante a implantación de redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados na totalidade da zona de actuación. Executarase tamén a nova sinalización horizontal e vertical e colocaranse varandas de seguridade nas zonas de terraplén. Por último, instalarase unha nova rede de recollida de augas pluviais e unha rede de alumeado público con luminarias LED de alto rendemento.