#CULTURA

MULLERES EXTRAMUROS

PROXECTO DE INTERVENCIÓN ARTÍSTICA NO RURAL

“Mulleres extramuros” é un proxecto integral de interacción, intervención, creación e convivencia de artistas plásticas no rural, promovendo a arte contemporánea como ferramenta de cambio social: un cambio cara á sustentabilidade e a repoboación, un cambio cara á igualdade e á capacidade de escoita.


Coa premisa de convivir para crear e crear para convivir, a Deputación de Pontevedra quere facer suceder a “arte urbana” no territorio rural e, sobre todo, co territorio rural. “Mulleres extramuros” é unha aposta para que as mulleres ocupen o espazo público, rachando cos muros e coas lindes que nos impuxo o patriarcado ao longo da historia, intervindo, transformando, compartindo, colaborando no espazo rural a través da arte.

Ademais, nun momento crítico de loita contra a despoboación no interior da provincia (de España e de Galicia, indo desde o global ao próximo e inmediato, ao local), esta iniciativa quere ser “semente”, cultivando procesos creativos participativos que leven a cidadanía a repensar o espazo público compartido desde a arte. Porque a cultura ou se cultiva desde o social ou non é cultura.

E propoñemos facelo desde o activismo pola igualdade, apostando polas mulleres artistas, nun eido tan masculinizado coma a arte urbana. Mais, tamén, recollendo o patrimonio intanxible de tantas veciñas do rural que ficaron na invisibilidade ao longo da súas vidas, que ven infravalorado o seu traballo e que teñen unha historia que urxe poñer en valor, en salvagarda, para que a historia tamén se escriba coas súas historias. Crear con elas. Crear co pobo e quedar no pobo.

Virar a ollada cara as nosas e os nosos maiores e a memoria simbólica dun lugar, indagar na memoria para ser testemuña, escoitar e situar as persoas no centro, convivir con elas, implicar e imbricar a arte na vida dunha aldea. “Mulleres extramuros” propón ser un escenario de encontro entre artistas e veciñanza, entre creación e territorio rural, acollendo creadoras da contorna mais outras chegadas de fóra, todas de recoñecido prestixio e traxectoria. Por diante o mellor dos retos: ser parte do lugar para proxectar xuntas, para crear novos horizontes. 

E o proxecto piloto de “Mulleres extramuros” terá lugar nunha aldea da comarca de Deza: CORTEGADA.

 

CALENDARIO:

  • Fase 0. Deseño do proxecto e traballo organizativo: novembro de 2021-xaneiro de 2022
  • Fase 1. Presentación do proxecto en rolda de prensa en Silleda: 21 de marzo de 2022
  • Fase 2. Encontros das artistas coa cidadanía: 25, 26 e 27 de marzo mais o 1, 2 e 3 de abril de 2022
  • Fase 3. Presentación dos proxectos específicos e da organización: finais de maio de 2022
  • Fase 4. Proceso de creación e residencia: finais de xuño e comezos de xullo de 2022
  • Fase 5. Presentación dos resultados e xornada final: mediados de xullo de 2022
  • Fase 6. Presentación do catálogo e do video-resumo: outubro de 2022

 

ARTISTAS:

GALICIA: Lula Goce (Baiona), Cestola na Cachola (Santiago de Compostela), Laura Iturralde (Vigo), Basilisa Fiestras (Forcarei) e Ness Morais (Silleda)

ESPAÑA: Virginia Bersabé (Córdoba)

PORTUGAL: Tamara Alves (Lisboa)

LULA GOCE

XOANA ALMAR

LAURA ITURRALDE

BASILISA FIESTRAS

NESS MORAIS

TAMARA ALVES

VIRGINIA BERSABÉ

 

Presentación dos resultados e xornada final
16 de xullo

De 10:30 a 12:00 horas

Ubicación Google Maps

Percocorrido a pé para visitar as obras das artistas. Punto de encontro: mural de Virginia Bersabé, nas instalacións de Trasdeza Natur ( Lugar de Cardigonde, 38, Cortegada- Silleda).

Visita ao proxecto singular de emprendemento no ámbito rural, da empresa de agricultura ecolóxica Trasdeza Natur, cunha pequena degustación dalgúns dos seus produtos

Visita ao proxecto desenvolvido pola silledense María José Tallón, da man da empresa Trasdeza Natur, que recibiu múltiples premios e recoñecementos e que destaca polo seu compromiso coa sostibilidade, co desenvolvemento socioeconómico no ámbito rural e coa innovación.

Entre os seus recoñecementos destacan o Premio Agader 2018, o selo de calidade en destino SICTED, o Premio de Excelencia á Innovación do Ministerio de Agricultura 2020, o Premio Semente Ribeira Sacra 2020 ou o premio do Programa Talenta 2020, e tamén foi finalista en representación de España nos Premios de Inspiración Rural 2021, organizados pola Rede Europea de Desenvolvemento Rural (Rural Inspiration Awards).


De 12:00 a 13:30 horas

Exterior da capela dos Aflixidos (lugar de Camporrapado, Cortegada, Silleda)

Ubicación Google Maps

Condutora do acto: Neves Rodríguez (actriz e presentadora)

Presentación do proxecto por parte da presidenta da Deputación de Pontevedra, do alcalde de Silleda e da coordinadora.

Intervencións:

  • Xoana Almar (Cestola na Cachola), coordinadora do proxecto
  • Presidenta da Deputación
  • Alcalde de Silleda

Inauguración da pequena exposición con paneis que recollen os procesos artísticos do proxecto

A condutora do acto, Neves Rodríguez, presenta a actuación musical de Bouba Pandeireteiras

Degustación gastronómica da man da asociación que organiza a Festa da Paella da parroquia de Cortegada.

 

Documentos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.