A II edición de “Mulleres Extramuros” encherá de cor o núcleo de Vide nas Neves con 7 proxectos artísticos con nome de muller

Carmela Silva: “Trátase dun proxecto único en Galicia, moi fermoso, que me emociona por como o vive a veciñanza e as artistas, como se implican e traballan xuntas para transformar o rural, situar a cultura no centro e construír lugares máis atractivos”

10/02/2023

Presentación II EDICIÓN MULLERES EXTRAMUROS

Tiro de saída á segunda edición de “Mulleres Extramuros” que comezou o pasado ano en Cortegada (Silleda) e chega nesta ocasión ata As Neves para encher de proxectos artísticos deseñados por e con mulleres o núcleo de Vide. A través desta iniciativa colaborativa, que foi presentada pola presidenta da Deputación Carmela Silva, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e a coordinadora do proxecto, Xoana Almar, sete mulleres artistas de recoñecida traxectoria profesional convivirán con mulleres e veciñanza de Vide para crear e promover proxectos artísticos contemporáneos que transformarán “por completo” o núcleo rural.

“Trátase dun proxecto único en Galicia -asegurou a presidenta Carmela Silva- moi fermoso, que me emociona, por como o vive a veciñanza e as artistas, como se implican e traballan xuntas e xuntos para transformar o rural, situar a cultura no centro e construír lugares con maior capacidade de atracción”. Este ano “Mulleres Extramuros” viaxa ata “o fermosísimo concello das Neves, coñecido polo compromiso da súa veciñanza e goberno local coa cultura”. A presidenta informou que a localidade escollida é Vide por tratarse “dun lugar idóneo, con moita vida, con mulleres moi activistas, que, estou segura, van permitir que as creacións artísticas que alí se desenvolvan destaquen moito”.

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, afirmou que acoller “Mulleres Extramuros” en Vide é “unha delicia”. “Este programa é un estímulo para seguir traballando en identificar o noso territorio coas artes, para que sexamos capaces de conseguir que a arte contemporánea rompa a cuarta parede do rural, que o mundo rural acabe dentro da arte contemporánea e que a arte contemporánea poida inserirse na estrutura social rural”. Nesta mesma liña se pronunciou a concelleira de Cultura das Neves, Rocío Barreiro : “queremos ver o territorio con outra mirada, unha mirada transformadora que se consigue sempre coa arte e a cultura en xeral”.

A coordinadora do proxecto, Xoana Almar, asegurou que a intención de “Mulleres Extramuros” é “fomentar o encontro coa veciñanza e tamén entre artistas, que durante quince días convivimos compartindo experiencias”. Todo elo nun proceso do que destacou “o tempo, dende o primeiro encontro coa veciñanza de Vide ata o momento no que pensamos e, en xullo, executamos os proxectos”, e tamén a “liberdade creativa” que se xera no proceso, “xa que cada artista ten a oportunidade de tirar dun fío, na súa primeira toma de contacto coa veciñanza da aldea, na que no inspiramos para sacar ideas e facer, cada unha, o que máis nos emociona”.

“Mulleres Extramuros” comezará o 4 de marzo coa primeira toma de contacto na que as artistas vivirán en primeira persoa a vida na aldea, intercambiando experiencias e historias coa veciñanza. “É a fase de escoitar, coñecer, de observar, analizar e recoller información para poder desenvolver os proxectos artísticos”, explicou a presidenta.  Entre abril e maio as artistas traballarán nos seus proxectos para o núcleo rural, ideando, cada unha, un proxecto específico de intervención artística en función das historias e experiencias achegadas na etapa anterior. Xa na primeira quincena de xullo terá lugar o proceso de creación –residencia, co traslado das artistas a Vide para realizar o proxecto in situ. Durante este período as artistas materializarán e desenvolverán as súas creacións artísticas creadas única e exclusivamente para Vide e inspiradas nela. E ese mesmo mes de xullo, “nun día de festa”, tal e como indicou a presidenta, “veremos o resultado da actuación conxunta realizada entre artistas e veciñanza da aldea, veremos cada un dos sete proxectos de intervención artística no ámbito rural”.

As artistas protagonistas

Participan este ano en Vide sete artistas de grande traxectoria estatal e internacional: cinco nadas ou residentes en Galicia, unha en Madrid e outra en Portugal. Baixo a coordinación de Xoana Almar, ilustradora e muralista integrante da cooperativa artística “Cestola na Cachola”, forman parte do proxecto Doa Oa, ilustradora e muralista vencellada ao ámbito rural, indiscutible nos festivais e proxectos de muralismo que conta con intervencións en numerosos países europeos; “Nuvi & Éxfico”, dúo especializado en proxectos de ilustración e muralismo; Ana Soler, artista multidisciplinar especializada en instalación; Carme Nogueira e Javier Fernández Pérez de Lis, dúo con experiencia en proxectos de instalación en relación ao uso social dos espazos e á memoria do lugar; Lucía Loren, experta en escultura e instalación, así como en Land Art, con numerosos proxectos relacionados coa ecoloxía e a sostibilidade; e  Iva Viana, escultora ceramista experta en instalacións que parte da tradición portuguesa da cerámica para levala á contemporaneidade.

A exitosa experiencia piloto en Cortegada (Silleda)

O proxecto piloto de “Mulleres Extramuros” en Cortegada, Silleda, transformou, en palabras da presidenta, “total e absolutamente ese núcleo rural pero tamén ás artistas e ás veciñas e veciños”. “Foi un éxito absoluto que ten convertido a Cortegada nun espazo de atracción de visitantes, de cultura, de desenvolvemento e de accións. A transformación é única, non hai máis que ir e miralo”.  

Participaron nesta primeira experiencia artistas como Lula Goce, Laura Iturralde, Basilisa Fiestras, Ness Morais, Virginia Bersabé e Tamara Alves. Todas elas conviviron coas mulleres de Cortegada para deseñar proxectos únicos para a aldea como “Ritual de coidados e recolección”, de Virginia Bersabé, centrado na memoria e a identidade da muller da aldea; “A Fenda”, de Laura Iturralde, unha instalación site-specific centrada nas historias e lendas do lugar, conservadas pola tradición oral; “A nena de vermello”, de Lula Goce, unha representación do presente e futuro de Cortegada, nun momento no que a maioría da mocidade abandona o rural; “Feira a festa”, de Xoana Almar, unha representación das festas e feiras realizada coa técnica do esgrafiado;  “Teu corpo é de terra e auga”, de Tamara Alves, que representa unha muller na contorna natural; a representación pictórica de pedras que realizou Basilisa Fiestras, a través dunha intervención principal a gran escala e 15 pequenas pinturas en diferentes lugares da poboación; ou a deseñada por Ness Morais que amosa á muller do rural como a protectora da cultura tradicional galega.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.