A primeira edición de “Mulleres Extramuros” remata cunha gran festa en Cortegada (Silleda)

Os murais de Lula Goce, Virginia Bersabé, Basilisa Fiestras, Laura Iturralde, Tamara Alves, Ness Morais e Cestola na Cachola xa locen en fachadas, muros e vivendas nunha transformación que as sete artistas realizaron coa veciñanza

16/07/2022

Broche final á primeira edición do programa Mulleres Extramuros  

O programa "Mulleres Extramuros" puxo hoxe o broche de ouro a meses de traballo cunha gran festa en Cortegada na que se puideron coñecer os extraordinarios murais xa rematados das artistas que participaron na súa primeira edición nesta parroquia de Silleda. Esta iniciativa piloto, que nace con vocación de continuidade e que percorrerá outros concellos da provincia, mostrou a enorme capacidade da arte para transformar a vida no rural a través de intervencións artísticas en fachadas, muros e vivendas, así como unha aposta porque as mulleres ocupen o espazo público, tanto as artistas como as veciñas que participaron activamente no pioneiro proxecto que tamén ten por obxectivo a loita contra o despoboamento.

Foi un día grande e emocionante en Cortegada que comezou cedo. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, as artistas e boa parte da veciñanza iniciaron a primeira hora da mañá o percorrido polos murais que realizaron as mulleres artistas: "Ritual de coidados e recolección", de Virginia Bersabé; "Do mínimo ao infinito", de Brasilisa Fiestras; "A fenda", de Laura Iturralde; "O teu corpo é de terra e auga", de Tamara Alves; a representación da muller como protectora da cultura tradicional galega de Ness Morais; "A nena de vermello", de Lula Goce, e "Feira e Festa", de Xoana Almar, de Cestola na Cachola. Durante esta visita, ademais, os e as visitantes puideron coñecer o proxecto de emprendemento no ámbito rural Trasdeza Natur, liderado por María José Tallón, e realizar unha pequena degustación dalgúns dos seus produtos ecolóxicos.

A continuación, na Carballeira do exterior da capela dos Aflixidos tivo lugar o gran o acto de peche, conducido pola actriz e presentadora Neves Rodríguez, que recordou que "somos un pobo creador e aquí a arte, as mulleres e o rural van da man". A presidenta provincial, Carmela Silva, mostrou a súa emoción, asegurando que "este é un día moi especial por estar en Cortegada, que fala dunha terra galega que ten un interior cheo de beleza, unha paisaxe única que non enche de orgullo e cunha xente que é a que mantén as nosas raíces e que nos fan un pobo tan grande. É un día moi fermoso, no que me acordo moitísimo das nosas nais, das nosas avoas, porque elas foron as que nos fixeron como somos e construíron este mundo que se chama Galicia".

A presidenta da Deputación sinalou que "rematamos un proceso marabilloso e moi emocionante. A política é difícil, e para una muller un pouco máis", reflectiu, pero hai momentos en que dis que pagou a pena e hoxe é un deses momentos". Carmela Silva debullou coa memoria o que lle inspirou cada un dos sete murais. "Puíde ver as mans das miñas avoas, despois atopeime coas pedras, sendo como somos un pobo de pedra e auga, e a continuación xurdiu a maxia de poder traspasar portas que nos levan ao lugar dos nosos soños. Máis tarde, de repente a cor inúndao todo, coas mulleres protagonistas, herdeiras das que mantiveron erguida esta terra, e atopamos una nena rodeada de cor vermella que é o futuro do país e do rural, para rematar cunha fermosa intervención chea dos nosos símbolos". "Todas estas obras, subliñou, nos fan estar orgullosas de ser galegas e de ser desta provincia. Eu tamén son de Cortegada". A presidenta xa adiantou que "Mulleres Extramuros", irá a outras aldeas e núcleos do rural. "Imos encher o rural desta provincia de cultura, arte e cunha mirada malva. Queremos potenciar o rural e dar razón á xente para que veña, que o visite, o coñeza e saiba que hai un lugar que se chama Cortegada que é un paraíso".

Pola súa banda o alcalde Manuel Cuíña, agradeceu ás artistas, á Deputación e á veciñanza "un proxecto que reconstrúe os espazos da historia de Cortegada". O alcalde tamén se sumou ás lembranzas de Carmela Silva que inspiran ás obras. "Cando miras os murais é certo que as nosas avoas volven á memoria, as mulleres ás que chamamos mamá, porque foron as que quedaron no pobo en épocas difíciles do pasado cando os homes eran exiliados, masacrados. Todos eles e elas estarían hoxe emocionados", dixo. Cuiña agradeceu a toda a parroquia o esforzo de participación no proxecto e prometeu coller a testemuña. "Agora, rematou, tócanos a nós coidar a vosa obra"

A artista coordinadora da iniciativa, Xoana Almar, de "Cestola na Cachola" quixo subliñar a convivencia entre as artistas, a súa relación coas veciñas da parroquia, e reflectiu tamén sobre a relación do muralismo cos espazos do rural. "Cando pintamos estamos modificando o espazo, pero o espazo tamén condiciona a artista e afecta á obra, é un proceso enriquecedor"

Durante o acto de peche inaugurouse, amais, unha exposición con paneis na que se descubre o proceso creativo das artistas participantes, que antes de pintar os seus murais ao longo deste mes de xullo, conviviron coa veciñanza de Cortegada durante unha semana en marzo para compartir momentos, traballar xuntas e inspirarse nas súas historias, vivencias e lendas para, a partir deste proxecto colaborativo, regresar aos seus puntos de orixe e elaborar os proxectos de intervención artística. Trala inauguración tivo lugar a actuación musical do grupo Bouba Pandereteiras, integrado por María e Carme da Pontragha e Maca do Piñeiro, tres mulleres novas que centran os seus esforzos en recoller a música tradicional de Galicia, para rematar cunha degustación gastronómica de paella da man da asociación de Cortegada que organiza a Festa da Paella, que terá lugar nesta parroquia de Silleda o vindeiro 30 de xullo.

Cabe lembrar que a iniciativa "Mulleres Extramuros" non remata aquí, xa que, ademais de exportarse ao resto da provincia ao longo dos próximos anos, a finais de outubro terá lugar a presentación dun catálogo das intervencións e un vídeo resumo do proxecto. Ademais, xa se está traballando para deseñar un itinerario interactivo na parroquia.

Galerias de imaxes

videos