“Bosques terapéuticos” remata esta fin de semana con rutas polo río Eifonso e a ponte colgante do Lérez

O programa da Deputación culmina a actual edición con preto de 600 participantes en 38 quendas para desfrutar de ‘baños de bosque’ en contornas naturais da provincia

18/08/2023

A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana a actual edición do programa “Bosques terapéuticos”, co que a institución provincial promove actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou ‘baño de bosque’. O programa finaliza tras ter esgotado as prazas de todas as actividades e cun balance de 570 persoas que participaron nas 38 rutas ofertadas en sete paraxes situados en Marín, Vilaboa, Poio, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vigo e Meis.

“Bosques terapéuticos” rematará esta fin de semana coas dúas últimas quendas previstas no seu calendario, o sábado 19 na parroquia de Bembrive (Vigo) e o domingo 20 en Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, concretamente polo río Eifonso e a ponte colgante do Lérez, respectivamente. Ambas as dúas comezarán ás 10:00 da mañá, participarán 15 persoas en cada unha e terán unha duración de arredor de hora e media. Nelas mesturarase exercicio, cultura, historia e saúde para desfrutar destas contornas naturais.

A senda do río Eifonso discorre por Bembrive (Vigo). O río nace no Monte das Lagoas e ábrese camiño entre o val, pasando aos pés da Capela de San Cibrán. O seu descenso vertixinoso converte as súas correntes en fervenzas como a de Bouzafría e dá orixe a varios muíños de auga nas súas dúas ribeiras. Esta ruta foi integrada en 2016 no Parque Botánico Arco da Vella.

O itinerario da ponte colgante do Lérez, de 2,5 quilómetros de lonxitude polos municipios de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, desenvólvese nun enclave natural e histórico que posúe unha das concentracións de petróglifos da Idade do Bronce máis asombrosa de Europa. O espazo natural coincide con coutos pesqueiros do río e algúns afluentes como o Almofrei. Ademais neste val, que forma parte da Rede Natura 2000, existen numerosas áreas recreativas fluviais e traxectos polos que discorren pontes e muíños.