"Bosques terapéuticos” percorre esta fin de semana o lago de Castiñeiras e a carballeira de San Xusto

O programa permitirá desfrutar da experiencia baseada na terapia xaponesa “shinrin yoku”, mesturando natureza, cultura, historia e saúde en Vilaboa, Marín e Cerdedo-Cotobade

10/08/2023

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra está a promover actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou “baño de bosque”, chega esta fin de semana aos concellos de Vilaboa, Marín e Cerdedo-Cotobade con dúas novas rutas nas que se mesturan natureza, cultura, historia e saúde. Este sábado 12 e o domingo 13 de agosto, as actividades desenvolveranse no Lago de Castiñeiras e a Carballeira de San Xusto.

A ruta por Castiñeiras, un dos parques forestais máis antigos de Galicia, terá lugar arredor do lago con paradas ante as especies arbóreas máis singulares do recinto, como o paseo de tuias ou un dos cedros cos que conta a contorna. A masa forestal que rodea a lagoa, situada entre os termos municipais de Vilaboa e Marín, conta con castiñeiros, bidueiros, exemplares de carballo americano e outras especies exóticas. Foi creada a partir dos anos 50 do pasado século aínda que é probable que teña orixe nas primeiras plantacións do plan de reforestación da provincia elaborado pola Deputación e iniciado en 1927.

O itinerario pola Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, arranca nos baños de San Xusto e finaliza na ponte nova sobre o río Lérez. Ademais das explicacións sobre a vexetación que se pode atopar na zona, como carballos centenarios e castiñeiros e carballos americanos, as persoas participantes coñecerán tamén diversos aspectos históricos e etnográficos deste espazo.

A actual edición do programa provincial “Bosques Terapéuticos” chegará ao seu remate a próxima fin de semana con rutas programadas o 19 de agosto no espazo do Río Eifonso (Vigo) e o día 20 na Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade), ambas as dúas con todas as prazas esgotadas.

 

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.