A Deputación impulsa co Plan ReacPon a reforma do polideportivo de Baltar en Portonovo

O pavillón de Sanxenxo será completamente acondicionado con climatización, prestacións deportivas, eficiencia e accesibilidade cun orzamento de máis dun millón de euros

25/01/2022

Firma convenio ReacPon Sanxenxo  

“Grazas á Deputación de Pontevedra por poñer en marcha o plan ReacPon e poder axudar os concellos. Sanxenxo está encantado co trato que recibe da Deputación, que é consciente de que somos un motor da economía da provincia. Grazas á Deputación estamos transformando Sanxenxo dun xeito potente, moderno e sostible”. Así se pronunciou hoxe o alcalde, Telmo Domínguez, na sinatura coa presidenta Carmela Silva do conveno do Plan ReacPon da Deputación, que fará posible que a veciñanza poida contar cun transformado pavillón polideportivo de Baltar. Esta esperada actuación suporá un investimento de 1.071.431 € dos que a Deputación aportará 803.573 e o Concello 267.857. Próximo aos campos de fútbol do IES, o edificio carece na actualidade de prestacións deportivas, climatización, confort térmico nin itinerario accesible para persoas con mobilidade reducida. O Plan ReacPon da Deputación garantirá a súa reforma para convertelo nun edificio con eficiencia enerxética, accesibilidade, illamento térmico, nova fachada e novo pavimento, en definitiva: un pavillón do século XXI.

A presidenta Carmela Silva salientou a importancia de mellorar os equipamentos deportivos municipais xa que “o deporte é unha gran demanda social, cada vez máis xente o practica, e a veciñanza ten dereito a facelo nos espazos coa mellor calidade e prestacións, viva onde viva”. Ademais, asegurou que “o deporte tamén é unha vía de atracción e posta en valor. Cando os equipamentos son de calidade, a xente que nos vén visitar leva unha idade potente non só da nosa paisaxe, senón que tamén queda gratamente sorprendida da nosa potencia”. O pavillón de Baltar “cumprirá a Axenda 2030, o Plan de Resiliencia e os fondos Next Generation para ser un edificio intelixente, sostible, con uso eficiente de recursos e loitando contra o cambio climático: empregará enerxías sostibles e suporá un aforro económico. Con este novo pavillón a xente fará uso dun equipamento que estará á súa altura”.

Tamén lembrou que “os concellos teñen moitísimas ideas, pero só poden converterse en realidades se os dotamos de recursos”. Por iso, malia que “esta Deputación é consciente de que o Plan Concellos é un instrumento de financiamento fundamental para os concellos”, puxo en valor o  ReacPon, que responde a necesidade de recursos extraordinarios para poder realizar estes proxectos de grande envergadura. “Era un plan moi esixente pero os concellos amosaron que son a mellor administración, presentando proxectos maduros, en prazo moi breve e coa tramitación avanzada para poderen estar listos en abril de 2023”. Carmela Silva volveu reivindicar “a xestión de máis recursos por parte do mundo local, porque temos moi claro que queremos transformar e mellorar a vida da xente. Se os xestionásemos non devolveríamos nin un euro, porque sabemos o que custa cada un”. A presidenta felicitouse do “bo equipo que formamos os concellos e a Deputación, marcando as liñas de transformación e sendo os concellos máis avanzados. Deberiámonos presentarnos a premios conxuntamente”.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, sinalou que á marxe do Plan Concellos, “unha decisión que aplaudín e volvo aplaudir publicamente”, hai moitos exemplos da transformación impulsada na vila polas dúas institucións, con “outros convenios como as obras na contorna do mercado de Portonovo –DepoRemse–, a estrada desde a igrexa de Noalla ata A Lanzada ou a transformación da vía desde a rotonda da PO-308 a Adina”, polo que “só temos palabras de agradecemento polo trato recibido da Deputación”. En canto á reforma do pavillón de Baltar, un edificio de case catro décadas “cunha reforma tan integral que parecerá novo”, o rexedor salientou que “é a instalación deportiva cuberta máis importante de todo Sanxenxo”, e grazas á reforma “converterá Baltar nunha zona aínda máis bonita do que xa é”.

O proxecto

Entre outras actuacións, instalarase un novo pavimento na pista e equipamento deportivo, renovaranse os vestiarios coa instalación de renovación de aire, crearanse novas escaleiras exteriores para a evacuación do público e habilitarase un novo ascensor desde o vestíbulo de entrada para facer accesible todo o edificio. Tamén se ampliará o vestíbulo de entrada coa creación dun novo espazo cortaventos e unha zona de espera cuberta exterior, mentres que no exterior renovarase integralmente o revestimento da fachada, dotándoa de illamento térmico e coa apertura dun gran oco que dará iluminación natural á pista. Tamén se renovará o acceso, cambiando as escaleiras actuais da beirarrúa por unha rampla accesible, que permita xerar un itinerario adaptado en todo o complexo.

No que atinxe ás instalacións, hai que destacar o sistema de xeración de ACS (Auga Quente Sanitaria) e ventilación con renovación de aire do recinto, tanto na pista como nos vestiarios e ximnasios, con sistemas que recorran a un uso eficiente dos recursos enerxéticos. Tamén se mellorarán as condicións térmicas do edificio mediante novos revestimentos de fachada, que aportarán unha nova imaxe. Na fachada abriranse ocos que permitan a iluminación natural do pavillón e dotarase dun revestimento novo con illamento térmico no seu interior.

En canto á accesibilidade, garantirase o uso do pavillón por persoas con mobilidade reducida, para o que se ampliará o ancho do corredor de distribución de vestiarios, instalarase un novo núcleo de comunicación vertical formado por ascensor e un tramo de escaleira complementario de apoio á evacuación, e acondicionarase o espazo exterior de acceso garantindo a accesibilidade nos percorridos de chegada.

O novo pavimento terá características especificamente deportivas. Instalarase unha pista de madeira sobre dobre taboleiro contrachapado e apoiada sobre elementos de caucho. Este sistema permite, ademais de xerar unha cámara de aire entre o soporte e o pavimento, mellorar o seu comportamento respecto a posibles condensacións do chan en contacto co terreo. En canto á reforma interior, inclúe novos trens de ducha con cabinas adaptadas, a instalación dun espazo para conserxería, un novo xogo de canastras e tamén un novo marcador electrónico.

videos