O responsable do grupo de traballo de sostibilidade do ICOM, Morien Rees, abre mañá o Encontro de Conservación e Restauración

Máis de 200 persoas participarán nesta edición, que se desenvolverá o xoves e o venres no Museo de Pontevedracoa sostibilidade como eixo temático

22/11/2023

Imaxe do XII Encontro de Conservación e Restauración

Máis de 200 persoas, entre profesionais e estudantado relacionado co ámbito dos museos e a restauración de bens participarán mañá e o venres no XII Encontro de Conservación e Restauración, organizado polo Museo de Pontevedra. Ao longo de dous días desenvolveranse varias conferencias e coloquios nos que se abordará como desenvolver prácticas de xestión, museografía e restauración respectuosas co medio.

A conferencia inaugural correrá a cargo do noruegués Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sostibilidade do Consello Internacional de Museos (ICOM). Rees exporá como afronta o ICOM o reto de definir un modelo sostible de museo e suxerirá un marco de acción compartido para os museos que tentan abordar estes desafíos. A intervención tentará, ademais, imaxinar como o museo, unha institución global, pode liderar o proceso de desenvolvemento dunha comunidade multicéntrica e non xerarquizada. Para iso porá o proxecto noruegués Flow, unha rede de museos forestais, como exemplo de rede de coñecemento que ofrece novas perspectivas para abordar a sostibilidade e a diversidade.

As outras intervencións da mañá do xoves tamén estarán centradas na análise de propostas e iniciativas de institucións públicas e privadas para establecer estratexias e criterios de sostibilidade na xestión do patrimonio cultural. Kim Kraczon, directora de materiais do Ki Culture de Amsterdam, unha organización que traballa por reducir a pegada ambiental da cultura, falará dos avances en materiais e métodos de embalaxe alternativos. Sonia Núñez Céspedes, do Museo Guggenheim de Bilbao, explicará a experiencia desta institución na busca dun sistema de xestión máis sostible. Pechará esta sesión Alejandro Silva Faci, un dos responsables do Libro verde para a xestión sostible do patrimonio cultural, un instrumento que acaba de publicar o Ministerio de Cultura e Deporte, no que propoñen criterios para ter en conta na conservación, restauración e difusión do patrimonio cultural.

O Encontro será presentado polo vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, a directora do Museo, Ángeles Tilve, e o vicedirector da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Álvaro Arizaga.

Prácticas museográficas e metodoloxías verdes

A sesión vespertina do mesmo xoves abordará as prácticas museográficas sostibles, coa presenza de representantes de tres empresas do sector especializadas en ámbitos cun importante impacto ambiental, que exporán alternativas que reducen esa pegada: o deseño de exposicións temporais, coas posibilidades que ofrece o ecodeseño; a iluminación, coa optimización que ofrecen a mellora tecnolóxica, o deseño responsable e a práctica especializada; e o transporte de obras de arte.

O venres pola mañá desenvolverase a terceira e última sesión, centrada de maneira específica nas metodoloxías verdes aplicadas á conservación e restauración, con prácticas que minimizan a pegada de carbono, recursos tecnolóxicos que favorecen a conservación sostible e a atención a programas de mantemento e xestión de residuos. Serán catro conferencias impartidas por investigadores e investigadoras que traballan no estudo e identificación de prácticas máis sostibles nas intervencións no patrimonio construído, no tratamento do patrimonio pétreo e na limpeza por ultraconxelación de superficies patrimoniais. Tamén se ofrecerá un repaso polos proxectos do Instituto del Patrimonio Cultural de España para validar métodos de conservación máis sostibles.

documentos