Expertas e expertos internacionais analizarán en Pontevedra como conseguir museos e procesos de restauración máis sostibles

O Museo de Pontevedra organiza o 23 e 24 de novembro o XII Encontro de Conservación e Restauración, co tema “Museos sostibles? Xestión, museografía e restauración”

17/10/2023

A sostibilidade é un tema de debate recorrente nos museos nestes tempos. Por iso a 12.ª edición do Encontro de Conservación e Restauración, que cada ano organiza o Museo de Pontevedra, porá nesta ocasión o foco en como desenvolver prácticas de xestión, museografía e restauración respectuosas co medio. O encontro terá lugar os días 23 e 24 de novembro e reunirá en Pontevedra a persoas expertas de museos, institucións e entidades privadas de Noruega, Os Países Baixos, Portugal e España.

Durante dous días, desenvolveranse once conferencias arredor do tema “Museos sostibles? Xestión, museografía e restauración”, organizadas en tres bloques que se pecharán con cadanseu coloquio. O primeiro bloque, o xoves pola mañá, centrarase na análise de propostas  e no intercambio de experiencias e iniciativas de institucións públicas e privadas para establecer estratexias e criterios de sostibilidade na xestión do patrimonio cultural. Abrirá o encontro Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sostibilidade do ICOM, cunha conferencia inaugural na que abordará o estado da cuestión. Á súa intervención lle seguirá a de representantes do Ki Culture de Amsterdam, unha organización que traballa pola sostibilidade na cultura, do Museo Guggenheim de Bilbao e do equipo redactor do Libro verde para a xestión sostible do patrimonio cultural, que acaba de publicar o Ministerio de Cultura y Deporte.

A sesión vespertina do mesmo xoves abordará as prácticas museográficas sostibles, e contará coa presenza de representantes de tres empresas do sector especializadas en ámbitos cun importante impacto ambiental, que exporán alternativas que reducen esa pegada: o deseño de exposicións temporais, coas posibilidades que ofrece o ecodeseño; a iluminación, coa optimización que ofrece a mellora tecnolóxica, o deseño responsable e a práctica especializada; e o transporte de obras de arte.

O venres pola mañá desenvolverase a terceira e última sesión, centrada de maneira específica nas metodoloxías verdes aplicadas á conservación e restauración, con prácticas que minimizan a pegada de carbono, recursos tecnolóxicos que favorecen a conservación sostible e a atención a programas de mantemento e xestión de residuos. Serán catro conferencias impartidas por investigadoras e investigadores que traballan no estudo e na identificación de prácticas máis sostibles nas intervencións no patrimonio construído, no tratamento do patrimonio pétreo e na limpeza por ultraconxelación de superficies patrimoniais. Tamén se ofrecerá un repaso polos proxectos do Instituto do Patrimonio Cultural de España para validar métodos de conservación máis sostibles.

Inscrición aberta

O encontro está organizado polo Museo de Pontevedra coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.  A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 20 de novembro a través da web https://encontrorestauracion.depo.gal. As prazas son limitadas. O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas co tema do encontro, coma conservación e restauración, historia ou historia da arte.  Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e, posteriormente, postas a disposición do público na páxina web do encontro.