O Encontro de Conservación e Restauración convida a repensar as prácticas dos museos para reducir o seu impacto ambiental

As intervencións na sesión matinal da primeira xornada poñen o foco na importancia das pequenas accións de sentido común e no cuestionamento das prácticas habituais

23/11/2023

Encontro de conservación y restauración

Hoxe deu comezo no Museo de Pontevedra o XII Encontro de Conservación e Restauración, organizado coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, co tema “Museos sostibles? Xestión, museografía e conservación”. O encontro está concibido como un foro para intercambiar ideas e experiencias entre institucións, profesionais e persoas expertas de España, Portugal, Os Países Baixos e Noruega co obxectivo de reducir o impacto ambiental nas prácticas museísticas.

Na presentación do encontro, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destacou os retos que ten por diante o Museo de Pontevedra, coma ampliarse ao convento de Santa Clara e reabrir os edificios centrais. “O fin destas accións non é só aumentar o espazo expositivo do museo, senón reforzar o seu papel como centro cultural e de coñecemento, e que, con encontros coma este que hoxe nos reúne aquí, continúe unha traxectoria impecable que continúe nos próximos”. Domínguez convidou as arredor de 200 persoas presentes a participar deses obxectivos e “ser faro de coñecemento e de cultura na nosa cidade”.

Pola súa banda, o vicedirector da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Álvaro Arizaga, cualificou de “extraordinario que sexamos capaces de reunir institucións moi importantes a nivel español e europeo para abordar a sostibilidade na conservación e restauración. Merece a pena intentar que non sexa unha moda, que patrimonio cultural, sostibilidade ambiental e sostibilidade económica funcionen como un conxunto; creo que este encontro vai servir para iso”.

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, apuntou que “desde o Museo de Pontevedra temos implementado un sistema de xestión de calidade que nos levou a obter o certificado S de Sostibilidade do Instituto para a Calidade Turística Española”. “Detrás deste certificado ―explicou― está a introdución da sostibilidade como criterio fundamental á hora de tomar decisións en aspectos tan diversos coma a atención aos públicos, a comunicación, a organización das exposicións e a colección permanente ou a conservación e restauración dos bens que custodiamos”.

A presidenta do Consello Internacional de Museos (ICOM) España, M.ª Auxiliadora Llamas, foi a encargada de presentar a conferencia inaugural, a cargo de Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sostibilidade do ICOM. O experto noruegués salientou que “o ICOM está comprometido coa investigación, a recollida, a conservación e a interpretación da sociedade do patrimonio natural e cultural do mundo, presente e futuro, material e inmaterial”. Para Rees é especialmente importante o traballo en rede, a aposta por unha organización descentralizada, e puxo sobre a mesa iniciativas no seu país de orixe, coma, por un lado, a rede de museos forestais Flow e, por outro, os museos na illa de Vardø, punta de lanza da resistencia da súa comunidade á decadencia económica.

Kim Kraczon é a directora de materiais do proxecto Ki Culture, con base en Amsterdam. A partir do seu libro Waste and Materials Ki Book, analizou os enfoques actuais sobre materiais sostibles. Kraczon explicou que o impacto ambiental do sector cultural a nivel global é maior que o dun país coma Austria. “Non creo que haxa un material sostible, senón unha abordaxe sostible dos materiais” reflexionou, e argumentou que “usar os materiais tanto tempo como sexa posible é a acción con maior impacto que podemos acometer”. Tamén recomendou mercarlle a fabricantes locais e ter en conta a pegada de carbono, sen que este sexa o único criterio a considerar. “É moi importante avaliar outras cargas ambientais dos materiais que empregamos, coma a toxicidade na súa produción, o uso que vai ter, como se vai xestionar o final da súa vida útil, o impacto social e humanitario e a posibilidade de reutillizalo e reciclalo”, explicou Kim Kraczon.  Puxo o acento en que non hai certezas definitivas, pero convidou as persoas presentes a cuestionarse as decisións actuais e investigar solucións alternativas.

Sonia Núñez Céspedes, coordinadora de rexistro do Museo Guggenheim Bilbao, expuxo o traballo que está a desenvolver actualmente esta entidade para camiñar cara a unha xestión máis sostible. En 2021 o Guggenheim desenvolveu un marco estratéxico de sostibilidade ambiental que ten como finalidade minimizar o impacto ambiental da súa actividade mediante a implementación de solucións enerxeticamente

sostibles e procesos non contaminantes. “Desde 2019 o museo calcula a pegada de carbono das súas actividades, medindo tanto as emisións directas coma unha parte substancial das emisións indirectas”, sinalou Núñez Céspedes. Isto serviulles para poñer en marcha accións para reducir o consumo de enerxía e de materias primas en todo o relacionado coas exposicións temporais e a colección.

A última conferencia da mañá impartiuna Alejandro Silva Faci, do Ministerio de Cultura, que participou na elaboración do ‘Libro verde para a xestión sostible do patrimonio cultural’, un instrumento publicado en setembro deste ano que propón criterios a ter en conta na conservación, restauración e difusión do patrimonio cultural. “O libro non é unha solución, é unha ferramenta que pode axudar a atopar solucións”. Silva Faci admitiu que “a aposta pola sostibilidade vai derivar en cambios de comportamento para os que hoxe non temos resposta”.

Prácticas museográficas e metodoloxías verdes

A sesión vespertina deste xoves abordará as prácticas museográficas sostibles, coa presenza de representantes de tres empresas do sector especializadas en ámbitos cun importante impacto ambiental, que exporán alternativas que reducen esa pegada: o deseño de exposicións temporais, coas posibilidades que ofrece o ecodeseño; a iluminación, coa optimización que ofrecen a mellora tecnolóxica, o deseño responsable e a práctica especializada; e o transporte de obras de arte.

Mañá venres pola mañá desenvolverase a terceira e última sesión, centrada de maneira específica nas metodoloxías verdes aplicadas á conservación e restauración, con prácticas que minimizan a pegada de carbono, recursos tecnolóxicos que favorecen a conservación sostible e a atención a programas de mantemento e xestión de residuos. Serán catro conferencias impartidas por investigadores e investigadoras que traballan no estudo e identificación de prácticas máis sostibles nas intervencións no patrimonio construído, no tratamento do patrimonio pétreo e na limpeza por ultraconxelación de superficies patrimoniais. Tamén se ofrecerá un repaso polos proxectos do Instituto del Patrimonio Cultural de España para validar métodos de conservación máis sostibles.

Galerias de imaxes