A Deputación finaliza a execución de cunetas tendidas en estradas provinciais que transcorren polos concellos de Ponteareas e As Neves

Os traballos derivados do Acordo Marco para instalar estes elementos de seguridade para as persoas leváronse a cabo na EP4005 Areas-Alxén-Cabreira e na EP4202 Tortoreos-Rubiós -Carrasqueira

05/07/2023

Estrada EP-4005 Areas-Alxén-Cabreira (no Concello de Ponteareas)

A Deputación de Pontevedra vén de finalizar as obras de instalación de cunetas tendidas nas estradas EP-4005 Areas-Alxén-Cabreira (no Concello de Ponteareas) e EP-4202 Tortoreos-Rubiós-Carrasqueira (As Neves), actuacións derivadas do Acordo Marco para dotar destes elementos de seguridade para as persoas ás estradas da rede provincial naqueles puntos nos que resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas.

A través do acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur) e, nesta primeira fase, estase a actuar nun total de 77 estradas provinciais en medio cento de concellos, cun investimento de 1,9 millóns de euros. No que se refire á zona sur, á que corresponden os viarios citados anteriormente, estase a investir 595.972€ en 19 estradas provinciais que discorren por Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Gondomar, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Salceda, Tomiño e Tui. Por outra banda, na zona norte, o investimento ascende a 665.125 euros e estase a instalar cunetas en 38 estradas provinciais que transcorren por Agolada, Caldas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda, Valga e Vila de Cruces. E na zona centro, o investimento ascende a 738.228€ e estase a actuar en 38 estradas provinciais que transcorren por Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas,Cuntis, Cerdedo-Cotobade, O Grove, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

As obras que se están a realizar consisten na execución de cunetas de seguridade (con anchos de entre un e dous metros), a colocación de tubaxes para drenaxe dos viarios, execución de arquetas e recrecido de pozos. A instalación destas cunetas supón unha aposta pola seguridade viaria e por potenciar que as persoas poidan transitar polas beiras dos viarios provinciais con total seguridade naqueles tramos nos que os muros, as vivendas ou as circunstancias orográficas impiden ampliar a plataforma.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.