A Deputación mobiliza outros 5,5 millóns para garantir servizos en materia de emprego, infraestruturas, cooperación, sostibilidade e cohesión social nos concellos

A metade do investimento destínase ao programa Primeira Experiencia Profesional nos concellos, que permitirá 152 contratacións nos municipios de menos de 50.o00 habitantes

31/03/2023

Carmela Silva

A Deputación vén de mobilizar 5,5 millóns de euros en novos recursos para garantir dereitos e servizos “e seguir mellorando a vida da xente” nos concellos da provincia. A metade deste investimento, vai parar ao programa Primeira Experiencia Profesional nos concellos, que permitirá 152 contratacións, mentres que case un millón destinarase á mellora de dúas estradas provinciais no Rosal e As Neves. Amais, chegarán case 900.000 euros do Plan Concellos a seis municipios da provincia. Pola súa banda, o Goberno do Estado vén de conceder á Deputación unha axuda de 552.000 € ao abeiro do Plan de Recuperación para financiar a senda peonil EP-9101 no Grove. Tamén se aprobou un investimento de 355.385€ en dous convenios cos concellos de Pontevedra e Vigo; un orzamento de 295.000€ para que os concellos poidan financiar os gastos da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables no ámbito do turismo deportivo sostible; e adxudicouse por 184.470 € a execución do programa Depotermal.

No que atinxe ao proxecto Primeira experiencia profesional nos concellos, está dirixido aos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia e facilitará 152 contratacións por un período de doce meses. Beneficiaranse das contratacións persoas tituladas universitarias ou de graos superiores e medios da FP que, como sinalou a presidenta provincial Carmela Silva, teñen nestes contratos “un instrumento desde que rematan os seus estudos e entran no mercado laboral” .

En materia de Infraestruturas, adxudicáronse as obras da segunda fase da mellora da mobilidade peonil na EP- 3303 Tabagón-Goián, no Rosal, por 739.763€. Será a Deputación a que asuma o 100% da obra, xa que o 20% que lle correspondía ao municipio no marco do convenio sufragárano a través do Plan Concellos. Nesta segunda fase actuarase nun treito de 1,8 quilómetros e o proxecto prevé ao longo do trazado a habilitación dunha senda peonil e unha zona de convivencia sobreelevada. Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento, instalaranse redutores de velocidade e pasos sobreelevados e executarase a rede soterrada de recollida de pluviais e alumeado.

Amais, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para sacar a licitación as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006 Ponteareas-As Neves, ao seu paso por este último concello, cun orzamento 258.394€, que tamén afrontará ao 100% a Deputación, xa que a aportación municipal sufrágase co Plan Concellos. A actuación afecta a un tramo da vía de 480 metros, entre a rotonda que comunica coa EP-4202 ao IES Pazo da Mercé e dá continuidade á mellora integral da estrada. Incrementarase o espazo para as persoas con beirarrúas máis amplas, ordenarase o tráfico rodado e calmarase a velocidade cun novo paso peonil sobreelevado. Ademais, plantaranse 30 árbores e reporanse os servizos de recollida de pluviais e a canalización do alumeado público.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde a cinco achegas da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos, a de maior contía para Valga, que recibirá 252.176€ para financiar a pavimentación de estradas municipais. A Guarda contará cunha achega de172.365€ para costear o acondicionamento da Praza de Abastos;  Gondomar, con 167.744€ vai financiar o saneamento de augas residuais e pluviais de Carrasquedo de Abaixo a Guadarrama, na parroquia de Vilaza; O Grove,con98.265€ abordará a humanización da Rúa Navarra e A Cañiza recibirá 75.632,70€ para financiar a mellora de camiños municipais nas parroquias de Petán, Achas, Parada, A Cañiza e Valeixe. Amais, deuse luz verde a unha achega da Liña 2 para Ponteareas: 100.222€ para actividades culturais e festivais de verán, manter alumeado, realizar traballos de pavimentación e adquirir material de obra.

A Deputación vén de coñecer tamén a concesión dunha nova axuda de 552.000 euros ao abeiro do Plan de Recuperación do Goberno do Estado. Trátase dunha achega que permitirá financiar “por vez primeira o 100% do custe dunha obra, a da construción dunha senda peonil na EP-9101 no concello do Grove. Neste caso as actuacións estaban financiadas ao 80% pola Deputación e ao 20% polo concello do Grove, que solicitou unha achega do Plan Concellos. “Están chegando os fondos Next Generation a Galicia, que ninguén minta e diga que non, e nos están a permitir que os fondos propios poidan empregarse para financiar outras accións e proxectos”, asegurou Carmela Silva. As obras da EP-9101, que comezaron o pasado mes de febreiro, permitirán unir os núcleos de Campos e A Gandariña a través dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho.

Tamén se aprobaron dous convenios cos concellos de Pontevedra e Vigo. No primeiro caso,  a institución provincial aportará 160.385€ para o desenvolvemento de actividades no ámbito da educación, saúde, deporte e promoción económica, como un programa gastronómico e as feiras Pontesan e Pontenciencia. O convenio con Vigo abordará o desenvolvemento da promoción deportiva do pádel a través da dinamización do Vigo Open-World Pádel Tour 2023, para o que a Deputación aportará 195.000 €.

Por outra banda, a Xunta aprobou as bases dunha nova liña de axudas para que as entidades locais da provincia con poboación inferior a 50.000 habitantes poidan financiar os gastos derivados da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables ao abeiro do Plan de Recuperación do Goberno de España no ámbito do turismo deportivo sostible. “É unha nova mostra da nosa empatía e colaboración cos concellos. Somos conscientes –indicou Carmela Silva- de que teñen escaseza de medios e temos que traballar para que os fondos Next Generation cheguen á provincia. Con esta liña queremos aportar recursos para que poidan contratar asistencias técnicas que elaboren os proxectos para presentar a estes novos fondos”.

E o Goberno provincial vén de adxudicar o desenvolvemento, xestión e execución do programa Depotermal, que oferta neste 2023 un total de 3.500 prazas. A iniciativa desenvólvese en concellos que contan con centros de termalismo e balnearios e ofrece dúas modalidades de participación: estadías de día ou pernoita. Das 3.500 prazas, 244 están reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social, para as que a Deputación cubre o custe íntegro.

 

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.