A Deputación de Pontevedra impulsa actuacións de urxencia en Santa Clara para paliar o problema de acceso de auga ao convento

Rafa Domínguez lamentou que o anterior Goberno, que tiña un informe técnico desde maio de 2022 no que se advertía do problema e tamén da necesidade de resolvelo para preservar os obxectos artísticos, non fixo “absolutamente nada”

16/11/2023

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de anunciar que se iniciaron diversos trámites administrativos para impulsar actuacións de urxencia para paliar o problema de acceso de auga á igrexa de Santa Clara e ao conxunto histórico e artístico do convento. Domínguez lamentou que “o anterior Goberno e o señor Mosquera, que tiña un informe técnico desde maio de 2022 enriba da mesa no que se informaba das goteiras e de que era imprescindible resolvelas para preservar os obxectos artísticos de Santa Clara, nin leu o informe, o que é grave, nin quixo dicirnos nada, o que aínda é moito máis grave”.

No informe de 325 páxinas que recibiu o anterior Goberno o 24 de maio de 2022 e ao que se referiu o vicepresidente advertíase da existencia dun problema de acceso de auga a través de varios puntos e alertaba de que as condicións ambientais e a humidade do recinto estaban a afectar a conservación das pinturas murais e das obras de arte. Do mesmo xeito, aseguraba que o emprego que se estaba realizando do espazo para eventos supoñía un risco alto para as devanditas pinturas murais. Malia as advertencias, tal e como denunciou Domínguez, non se fixo “absolutamente nada” nin tampouco se mencionaron estes problemas na Comisión de Seguimento de Santa Clara na que participou o anterior vicepresidente provincial, César Mosquera.

“Que non se preocupen os pontevedreses, o que non fixo Mosquera farémolo nós”, subliñou Rafa Domínguez ao informar das actuacións en marcha no conxunto do recinto conventual. Deste xeito, no que respecta á igrexa, estanse a limpar os canlóns e a selar as goteiras, así como a valorar a limpeza da cuberta, e limpouse xa a rampla de acceso de madeira, na que, unha vez que a climatoloxía mellore, se aplicará un tratamento para evitar que se poida esvarar.

Ademais, estase a drenar e impermeabilizar a sala de bóvedas, na que é necesario restaurar as pinturas murais, que se estaban xa estragando. Neste caso cómpre destacar que debido á realización, hai meses, dunha gabia para un estudo arqueolóxico produciuse unha filtración de auga lateral durante as últimas semanas sobre a que tamén se pretende actuar.
Finalmente, e con medios propios do Museo de Pontevedra, estase a elaborar un proxecto para identificar todos os puntos de filtración existentes no conxunto do recinto conventual, co fin de actuar sobre eles mediante un selado ou unha actuación similar que permita realizar unha intervención preventiva e preservar, deste xeito, o conxunto histórico e artístico de Santa Clara.

audios