A Deputación lanza os premios “Hai unha voz” e a nova edición de “Mulleres no foco” para recoñecer o talento feminino nos sectores literario e audiovisual

En cada unha das convocatorias concederanse tres premios, de 5.000 euros cada un, e as candidaturas poderán presentarse do 25 de abril ao 24 de maio

21/04/2023

Carmela Silva

No marco da súa aposta pola igualdade e co obxectivo de seguir a “visibilizar e impulsar o talento feminino na cultura”, a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a convocatoria de dous premios destinados a recoñecer a pegada das mulleres no ámbito literario e audiovisual. Dunha banda, nacen os galardóns Hai unha voz”, unha das iniciativas xurdidas do Manifesto de Soutomaior para distinguir traxectorias de mulleres no eido da literatura galega e, por outra, lanzarase a terceira edición dos premios Mulleres no Foco”, que recoñecen o labor e obra das profesionais galegas do audiovisual e “xa son os Óscar pontevedreses das mulleres deste sector”, como destacou hoxe a presidenta, Carmela Silva. En ambos casos, concederanse tres premios, cada un dotado con 5.000 euros, “porque a cultura ten valor, e tamén ten prezo, e as administracións temos que achegar recursos á cultura para que poida seguir desenvolvéndose”, afirmou a presidenta.

Carmela Silva quixo destacar que “vai ser moi difícil” o ditame destes galardóns en dous sectores nos que as mulleres están a conseguir grandes recoñecementos “a nivel galego, nacional e internacional” e anunciou que en ambos casos o prazo de presentación de candidaturas será do 25 de abril ao 24 de maio. No caso dos premios “Hai unha voz”, nacen coa colaboración da asociación Clásicas e Modernas e distinguirán a achega de mulleres galegas que se distingan pola súa traxectoria no eido literario durante o ano 2022, e que se encadren nunha das seguintes categorías: escritoras, editoras ou profesionais do sector do libro. A convocatoria xurdiu no marco das medidas esixidas no Manifesto de Soutomaior, “no que denunciabamos o pouco recoñecemento da obra de escritoras e da traxectoria das mulleres da literatura mediante premios e marcábase como un dos obxectivos a acadar”.

As propostas das candidaturas aos galardóns poderán formulalas as integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior e as entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego que pola súa natureza, fins ou obxectivos estean relacionadas co sector literario. Xunto coa solicitude deberá presentarse una proposta razoada na que se identifique a candidata, e detalle información sobre a traxectoria no eido literario e a documentación que se estime necesaria para a posterior valoración por parte do xurado

No que atinxe á terceira edición de Mulleres no Foco, que a Deputación promove con  CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais) e cuxa gala do pasado ano celebrouse en Pontevedra, recoñecerán de novo a labor e traxectoria das mulleres do audiovisual. Poderán presentar as candidaturas as entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego que pola súa natureza, fins ou obxectivos estean relacionadas co sector audiovisual. E distinguiranse perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector, impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego, así como mulleres cun talento ou unha importante traxectoria neste ámbito.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.