“Bloggers” e “influencers” de viaxes námoranse do río Minho

Catro creadores de contido que suman máis de 155.000 persoas seguidoras visitaron adegas, fixeron cicloturismo e coñeceron o patrimonio miñoto para divulgar o territorio como destino en redes  

06/05/2023

RIO MINHO ACTIVIDADES ECOTURISMO

As persoas autoras dos blogs de viaxe ‘Una idea, un viaje’, ‘Un viaje creativo’, ‘Alvientooo’ e ‘Vigopeques’, sitios que superan as 155.000 seguidoras, fixeron esta semana un percorrido polo territorio miñoto co fin de dalo a coñecer como destino turístico de natureza e familiar dentro da estratexia de divulgación do espazo transfronteirizo posta en marcha dende a Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho.

Participaron na iniciativa Alberto Ribas, coñecido como ‘Alvientooo’, finalista en diferentes premios estatais de ‘influencers de turismo (preto de 48.500 persoas seguidoras); Daniel Keral, responsable de ‘Un viaje creativo’, unha web que recibiu o Premio Internacional de Comunicación Turística en 2017 como mellor blog de revelación de viaxes (case 16.500 perosas seguidoras); Eva Aval, encargada de ‘Una idea de viaje’ e colaboradora de diferentes revistas e na páxina ‘Hostelworld’ (preto de 31.000 persoas seguidoras) ; e Begoña Estévez, de ‘Vigopeques’, un dos blogs de referencia para as familias con crianzas á hora de planificar saídas e viaxes (con preto de 50.000 persoas seguidoras).

A impresión ante o potencial do territorio do Miño foi completa e moi satisfactoria pola súa diversidade, polo que as e os prescriptores publicarán contidos nos seus blogs e nas súas redes para compartir a experiencia e recomendar a visita tanto a persoas que opten polo destino de natureza, polo de gastronomía, ou polas posibilidades patrimoniais accesibles.

O ‘famtrip’ consistiu nunha ruta de sendeirismo poa senda dos pescadores no Baixo Miño guiada e interpretada por persoal da empresa Xeitura. Tamén se incluíu un petisco e unha degustación na adega Señorío de Rubiós, ademais dun pequeño paseo e comida por Monçao, despois da que se fixo un percorrido en bicicleta pola ecovía entre Monçao e Valença do Minho cunha visita á Torre de Lapela. Para rematar tamén houbo unha visita guiada a Caminha, non podendo ser posible por dificultades de última hora a visita ao Forte da Ínsua.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou que estas iniciativas de potenciación do territorio a través de persoas prescriptoras atraen turismo de calidade como o que busca a marca ‘Rio Minho’. “Os turismos de natureza teñen moito futuro e é preciso posicionarse tanto para as potenciais visitas de proximidade como para xente que chegue máis de lonxe”, apuntou, sinalando a aposta por crear un produto non masificado, de calidade, a medida, e alternativo.

 O ‘famtrip’ para as persoas prescriptoras está incluido dentro das actividades ‘Vive o Río Minho’ organizadas pola Deputación dentro do programa homónimo financiado con fondos europeos do Interreg, polo que tamén se realizou a camiñada do pasado domingo 30 de abril entre Vila Nova de Cerveira e Goián (Tomiño).

A vindeira actividade, xa aberta de novo ao público, terá lugar o domingo 14 de maio e terá lugar en Tomiño e O Rosal, cunha proposta de ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, para facer despois o treito inverso en caiac polo río. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as dez da mañá ata as 19.30 horas. As inscricións estarán abertas dende o 8 de maio na web da Deputación.

Galerias de imaxes