A Deputación aproba recursos por 1,4 millóns de euros en Cooperación, Igualdade e iluminación sostible

O goberno adxudica as obras de renovación de instalacións de iluminación exterior sostible en Arbo, Pazos de Borbén, O Porriño, Tomiño, Tui, Meaño, Meis e Vilanova por 963.762 €

28/04/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno vén de aprobar novos recursos por importe de 1,4 millóns de euros, en materia de Cooperación, Igualdade e Sostibilidade. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que preto dun millón de euros corresponde a dous proxectos para a renovación da iluminación exterior sostible nos concellos de Arbo, Pazos, O Porriño, Tomiño, Tui, Meaño, Meis e Vilanova, sufragados nun 90% (866.000 €) con fondos europeos procedentes do Programa Operativo FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Ademais, a Xunta aprobou tamén unha subvención de 100.000 € no marco da liña 1 do Plan Concellos para O Grove e mais a adxudicación do programa Conectadas, cun investimento de 324.000 euros.

No que se refire aos proxectos financiados con fondos europeos, por unha banda adxudicáronse as actuacións nos concellos de Arbo, Pazos de Borbén, O Porriño, Tomiño e Tui, que contan cunha achega europea de 591.534 euros, por 658.680 euros, que consistirán na substitución dun total de 1.507 luminarias correspondentes a 42 cadros de mando, dos que se reforman 34. As novas lámpadas serán de tecnoloxía led de última xeración elevada eficiencia, que disporán de redutores de fluxo para axustar o nivel de iluminación segundo os diferentes horarios nocturnos e tipos de vía. As actuacións en conxunto dos cinco concellos farán que a potencia pase de 208 a 87 kW, conseguíndose así un aforro enerxético do 57,4%.

Por outra banda, en Meaño Meis e Vilanova as obras adxudicáronse por 305.082 euros e contan cunha achega europea de 274.855. Substitúense 232 puntos de luz por outros de tecnoloxía led de última xeración e eficiencia, actuando sobre 15 cadros de mando. Estes contarán cun sistema de control e regulación para axustar a luz segundo os diferentes horarios nocturnos e necesidades. Neste caso, a potencia pasará de 164 a 81 kW, o que supón un aforro enerxético do 53%.

100.000 € para a adquisición do “Colexio das Monxas” no Grove

Carmela Silva tamén informou doutros asuntos aprobados na Xunta de Goberno como unha achega na liña 1 do Plan Concellos para O Grove, cos que a Deputación entregará 100.000 euros ao concello para sufragar a adquisición do inmoble do antigo “Colexio das Monxas”, situado no número 31 da Avenida Luís Antonio Mestre, para a súa conversión nun centro de servizos sociais que reúna tanto distintos servizos para a cidadanía como as oficinas do persoal municipal.

Na actualidade, o Concello vén desenvolvendo un Punto de Atención á Infancia (PAI) para arredor de 20 nenas e nenos de entre 0 e 3 anos. Trátase dunha resposta a unha ampla reivindicación da veciñanza meca, xa que esta medida dá unha solución á escaseza de prazas de educación infantil na vila, onde as prazas dispoñibles na escola infantil autonómica están lonxe de cubrir a demanda actual. Ao PAI sumaránselle, a partir de maio, outros servizos como o de atención a persoas maiores dependentes xestionado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afasal), o programa de conciliación familiar para persoas maiores “Vellos Tempos” (que na actualidade se presta na antiga unitaria de Monte da Vila, con difícil acceso peonil, e con este traslado polo tanto permitirá unha maior accesibilidade) ou tamén os talleres de memoria.

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación do programa de Igualdade “Conectadas”

O órgano da Deputación tamén aprobou a adxudicación de “Conectadas”, cun orzamento de 324.000 euros, a Forox Innovación. Trátase da sexta edición deste programa de Igualdade, cuxo obxectivo é mellorar a formación básica das mulleres, crear redes para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e reducir a fenda dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías.

Este programa está dirixido ás asociacións, federacións e fundacións que teñan por obxectivo a consecución da igualdade. O prazo de solicitude das accións formativas xa está pechado, e cada entidade puido escoller entre 30 accións divididas en 5 bloques: “Emprende: iniciativas sostibles para o Emprego”; “ExpresARTE”; “Conéctate”; “Sementa Sostibilidade” e “O teu momento”. Coidado e benestar”. A Deputación de Pontevedra recibiu 237 solicitudes no marco deste programa e atópase nestes momentos na fase de requirimento de documentación, previa á adxudicación dos obradoiros.