A Deputación adxudica a redacción do proxecto que transformará a “Rampla de Meloxo” no Grove

As obras consistirán na creación dunha senda peonil e unha cuneta transitable, a renovación do firme e mais a renovación dos servizos, o que dará fin ás roturas na rede de abastecemento

21/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9103 Rampla de Meloxo, que suporá a transformación integral desta vía que transcorre entre o lugar de Campos e a Avenida de Portugal, nas inmediacións do cemiterio municipal do Grove. A mellora suporá un investimento estimado de arredor de 900.000 euros e será financiada ao 100% pola institución provincial.

As obras consistirán na renovación integral desta infraestrutura provincial de case un quilómetro. O seu trazado ten unha alta presenza de vivendas, e ademais é moi empregada pola cidadanía do Grove de todas as idades, tanto en vehículos como a pé, pola súa proximidade ao CEIP Plurilingüe de Conmeniño, polo que repercutirá na configuración dun itinerario escolar máis seguro.

En canto á mellora da mobilidade peonil, a estrada contará cunha senda peonil de 2,5 metros de ancho nunha das súas marxes, e tamén cunha cuneta de seguridade transitable na outra marxe. Ademais, os traballos contemplan a renovación total do firme, cunha plataforma de rodadura de dous carrís de 2,75 metros cada un. Ademais do saneamento e abastecemento, o proxecto tamén inclúe a renovación da rede de alumeado público.

O obxectivo desta actuación é converter esta estrada nunha rúa que responda ás esixencias actuais de mobilidade e tratamento dos espazos públicos, adaptándoa ao modelo provincial de infraestruturas baseado na sostibilidade, a amabilidade e a seguridade. Unha vez finalizadas as obras, a estrada será transferida ao Concello do Grove, que previamente se ocupará das cesións dos terreos necesarios para acometer a súa transformación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.