#CULTURA

PEQUENA ENCICLOPEDIA DE FOTOGRAFÍA (fragmentada)

Rosa Neutro

Este proxecto —expositivo e en formato libro— nace nun momento no que moitas artistas estamos a reflexionar sobre a necesidade de buscar novos referentes na nosa senda ‪creativa e encher así un baleiro que percibimos na nosa formación debido aos contidos do noso sistema educativo, no que escasea de forma esaxerada a presenza de figuras femininas como autoras, cousa que non se percibe, pola contra, en ‪canto á súa representación, xa que a historia da arte está chea de imaxes de corpos de mulleres plasmados por homes.


Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada) é un traballo fotográfico, pero tamén escultórico e pictórico; unha recompilación ou compendio dunha grande parte da miña aprendizaxe, tanto teórica como práctica, da historia da fotografía desde diferentes e variados autores —todos eles homes, punto fundamental—. Mais non se trata de desbotar moitos destes referentes, senón de repensalos, de deconstruír o aprendido para construír unha nova obra nacida a partir dos cascallos da nosa aprendizaxe e resaltar os espazos baleiros que deixa tras de si a historia. Deste xeito, preséntanse fragmentos illados de imaxes feitas por eles; mulleres resignificadas baixo unha ollada feminina e contemporánea, partes dun quebracabezas inacabado, incompleto ou por construírse, ou, talvez, en perpetua construción para dar lugar, en definitiva, a unha pequena historia de reconciliación.

‪Esta obra está realizada a partir de cascallos de todo tipo recollidos na rúa, edificacións en construción, vertedoiros e camiños. O carácter simbólico do material escollido incide así na idea de fragmentación á que alude o proxecto. Os fragmentos que se presentan recollen tan só anacos de imaxes concretas, alleas, presenzas femininas que escollo persoalmente para construír unha ampla selección de representacións de distintas mulleres. Ao illar ese anaco de imaxe a propia obra recontextualízase a través dun xogo de baleiros que elimina o contexto da figura para converterse, deste xeito, noutra cousa e noutro significado.

Do 31de xaneiro ao 31 de marzo de 2022
Sala Maruja Mayo, sede da Deputación en Vigo

Inauguración: o luns 31 ás 19:00 horas
Coa actuación musical en directo de Xan Campos (teclado) & Yudit Almeida (contrabaixo e voz)
Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.es

18 de marzo de 2022 das 17:00 h ás 20:30 h
Obradoiro de creación artística RECOLLER / RECICLAR / RECREAR

Rosa Neutro

Yudit Almeida Vidal

Xan Campos