A Deputación abre o prazo de presentación de ofertas para a mellora da seguridade na EP-7007 Couso-San Miguel de Barcala na Estrada

As obras, valoradas en 830.000 euros, afectarán a 2,3 quilómetros do viario provincial e ampliarán a estreita plataforma para dotala de carrís de 2,50 metros e beiravías

09/07/2022

Cambio radical para a estrada que comunica os lugares de Couso e San Miguel de Barcala, no termo municipal do Concello da Estrada. A Deputación, de acordo coa planificación anunciada polo deputado Gregorio Agís na visita á zona fai dúas semanas, vén de sacar a licitación as obras de mellora da seguridade viaria que van significar o ensanche de 2,3 Km, que, ademais de contar cunha sección demasiado estreita, conta cun firme deteriorado pola acción dos axentes meteorolóxicos e polos problemas na súa drenaxe.

O Orzamento total das obras é de 823.033 euros e as empresas interesadas dispoñen ata o próximo día 26 deste mes de xullo para presentar as súas ofertas. O proxecto supón a transformación das características da vía entre os PQ 5+683 e PQ 8+071. Céntrase no reforzo do firme do viario, encamiñado a mellorar as condicións de circulación e garantir a seguridade viaria ao abeiro do modelo de mobilidade sostible que a institución provincial desenvolve desde hai sete anos. Deste xeito, prevese a ampliación da sección da calzada e o reforzo do firme existente. En concreto, realizarase unha ampliación da plataforma para dotala de carrís de 2,50 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros en ambas marxes e unha cuneta de seguridade de 1 metro de ancho na marxe dereita da estrada.  Para gañar a anchura necesaria é necesario ocupar 14 parcelas que xa foron postas a disposición da Deputación.

Segundo se establece na documentación técnica os traballos terán unha duración de 7 meses e comezarán coa demolición do paquete de firme existente e da base para posteriormente repoñer a  capa de rodaxe e as beiravías, que executaranse co mesmo pavimento que a vía. Amais, será preciso o retranqueo dalgúns elementos existentes (postes, etc.), así como a substitución de varias obras de drenaxe transversal.