A Deputación abre o prazo para unha nova camiñada polo Concello de Valga da man do programa “Depo Andainas”

As persoas interesadas en desfrutar desta ruta o vindeiro 4 de setembro, poden inscribirse xa a través dun formulario na web da Deputación

01/08/2022

A partires deste luns 1 de agosto, as persoas que desexen participar nesta actividade poden inscribirse xa na terceira “Depo_andaina” do programa “Depoactívate” prevista para o vindeiro 4 de setembro. A Deputación ofrece un total de 200 prazas para este percorrido, para participar as interesadas e os interesados poden inscribirse xa cun formulario que atoparán dispoñible na web provincial www.depo.gal.

Esta “Depo_andaina” transcorrerá polo concello de Valga, nun roteiro circular que terá como punto de saída e chegada a Lagoa da Mina Mercedes, formada pola extracción de arxila. Transcorrerá pola beira do río Ulla, facendo parada en puntos de interese coma o Embarcadoiro de Santa Cristina de Campaña e a Praia Fluvial de Vilarello. Xa no retorno, gozarán dunha breve visita ás ruínas da igrexa vella de Santa Comba de Louro. As e os participantes deberán desprazarse pola súa conta ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará un monitor e un grupo. As persoas asistentes tamén deberán respectar os protocolos de actuación establecidos, xa que ao tratarse dunha andaina por pistas con tráfico de vehículos é necesario extremar a precaución.

O programa “Depo_Andainas” promove unha serie de rutas que discorren polos puntos máis emblemáticos da provincia. Está dirixido ás persoas que gozan coñecendo o contorno natural e cultural polas sendas e camiños da nosa provincia. Abren a posibilidade de viaxar doutra maneira, nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade patrimonial que posúe a provincia de Pontevedra.