A Sede da Deputación en Vigo acolle unha xornada de debate sobre o universo laboral da música no marco do programa “Descúbreas”

A xerencia, a parte técnica e artística, dende o escenario ata o backstage, pasando pola voz e o son foron algunhas das cuestións nas que se centraron as artistas

03/06/2022

descúbreas

A sede da Deputación en Vigo acolleu unha xornada de debate sobre o universo laboral da música no marco da segunda edición do programa de empoderamento do talento musical feminino na provincia “Descúbreas”, que promove a institución provincial con Regalamúsica. No encontro, no que xunto á presidenta Carmela Silva participaron a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, Patricia Hermida; a produtora, intérprete e directora de coro, Rebeca Rods; e a produtora e enxeñeira de son gañadora de cinco Latin Grammy, Salomé Limón, afondouse nas posibilidades da industria musical abordando cuestións como a xerencia, a parte técnica e artística, dende o escenario, o backstage, a voz e o son.

“Hai mulleres, potentísimas, de primeiro nivel, e grandes referentes na música como Patricia Hermida, Rebeca Rods e Salomé Limón, que temos a obriga de visibilizar e achegar ás mozas, para que saiban que elas tamén poden”, asegurou a presidenta Carmela Silva durante a apertura da mesa de debate “A música, un universo laboral”, coa que a Deputación e Regalamúsica deron a coñecer a experiencia de mulleres profesionais para que as mozas poidan ter referentes e ampliar o seu abano de posibilidades na industria musical. Tamén aproveitou a ocasión Carmela Silva para amosar o seu “orgullo” por “iniciativas como esta, como Descúbreas, que teñen por obxectivo algo tan fermoso como a igualdade, como dar pasos adiante para que as nenas e as mozas da música teñan oportunidades”.

Salomé Limón, produtora musical de renome internacional cunha ampla experiencia na parte máis técnica da industria musical, centrouse no que ela chama “a súa viaxe polo son”.  Neste eido amosou a súa experiencia, para que outras mozas poidan seguir os seus pasos, dando a coñecer o que acontece nun estudo de gravación e facendo fincapé na necesidade de “conectar” coas persoas artistas para facelas sacar “o mellor de si mesmas”. Estas cuestións, e moitas outras máis, serán tamén eixos da sesión que Salomé Limón impartirá este sábado, 4 de xuño, sobre “produción musical” ás oito mozas mentorizadas nesta segunda edición do programa “Descúbreas”.

“Do escenario ao backstage, outra forma de triunfar” foi a temática elixida por Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), copresidenta do International Music Manager Forum e xerenta da axencia Do it. Hermida centrou a súa intervención no universo laboral que existe no ámbito da xerencia na música, achegando experiencias persoais do seu quefacer profesional.

Pola súa banda Rebeca Rods, produtora, intérprete, directora de coro, que ten colaborado con artistas como Alejandro Sanz, Raphael, Laura Pausini ou El Barrio, entre outros, falou sobre “A voz, o instrumento estrela da comunicación”. Na súa charla destacou a diversificación dentro do ámbito artístico, á que cualificou como característica “posible e necesaria” do e no sector musical.

A Deputación, en colaboración puxo en marcha “Descúbreas” no 2021 como un proxecto de empoderamento das rapazas do ámbito musical para rematar coa fenda de xénero e a invisibilización das mulleres. Amais do proxecto de mentoring, “Descúbreas” aporta outras ferramentas para a visibilización do talento feminino como o directorio de profesionais e escolas ou os videotutoriais e o foro para resolver dúbidas e axudar ás mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical. A plataforma ofrece tamén información e axenda de concertos con perspectiva de xénero. Nesta segunda edición do programa están a participar Sara Baños, Sara Casas, Marina Fernández, Amparo Mosquera, Alba Nogueira, Carolina Vázquez, Ane Fonseca e María Rodríguez, que ademais de recibir un itinerario individualizado, van poder gravar unha peza e realizar un vídeo musical.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.