Pistoletazo de saída á V edición do exitoso programa “En Ruta coa Depo”

Ofértanse 20.000 prazas para desfrutar dun día de convivencia, ocio e tempo libre que as asociacións poderán escoller entre 32 lugares emblemáticos da provincia

24/01/2022

Cun ambicioso orzamento de 432.600 € a Deputación de Pontevedra lanzou hoxe a quinta edición do “exitoso” programa “En Ruta coa Depo”, que regresa tras dous anos de parón pola covid-19 e que nos catro anos que se realizou sumou unha participación de case 80.000 persoas. Este ano ofértanse 20.000 prazas dirixidas a asociacións e entidades que desexen desfrutar dun día de convivencia, ocio e tempo libre escollendo entre 32 lugares emblemáticos da provincia. “Queremos –asegurou a presidenta Carmela Silva- dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, poñer en valor os recursos máis importantes da provincia, para que a cidadanía os coñeza, pero tamén apoiar á hostalería. Este programa é un apoio moi serio a este sector que tanto sufriu as consecuencias da pandemia, para que en tempos de menor número de visitantes teñan un instrumento para manterse abertos”.

As 32 rutas do programa inclúen o acompañamento dunha persoa guía de turismo, xantar e transporte, están divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. O custe de cada unha é de 34,86 €  por praza que será cofinanciado pola Deputación de maneira que cada participante achegará a cantidade de 13,5 €. Haberá tamén 400 prazas totalmente gratuítas, tal e como informou a presidenta, para persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social xa que “queremos que todo o mundo poida participar”.

As asociacións interesadas poderán solicitar, trala publicación das bases de “En Ruta coa Depo”, tres alternativas das 32 propostas que contempla o programa por orde de interese, sinalando mes e día da semana preferidas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.