A Deputación de Pontevedra bota a andar unha nova edición do programa “En Ruta coa Depo”

Esta semana 375 veciñas e veciños do Grove, Mondariz-Balneario, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa participan en sete saídas para coñecer lugares singulares da provincia de Pontevedra

04/07/2023

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar unha nova edición do programa “En Ruta coa Depo”, iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do noso territorio. Esta semana, diversas entidades dos concellos do Grove, Mondariz-Balneario, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa estarán participando en sete saídas nas que 375 persoas coñecerán as illas Cíes e Ons, a ría de Arousa, as localidades e barrios mariñeiros do Berbés (Vigo) e Portonovo (Sanxenxo) e mais a paisaxe entre os ríos Lérez e o Verdugo.

A primeira saída desta semana prodúcese hoxe martes 4 de xullo. Un total de 54 persoas da AMPA de Troncoso, en Mondariz-Balneario, coñecerán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés. O mércores 5 de xullo será a quenda da Asociación de Amas de Casa, Consumidoras e Usuarias de Tui, que se desprazará ata a illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo con 53 dos seus e das súas integrantes.

Xa durante a fin de semana, o sábado 8 de xullo terán lugar outras catro saídas. 54 persoas da Asociación Mulleres Salgadas, localizada na comarca do Salnés, irán pasar o día ata as illas Cíes e o barrio do Berbés. Desde Vigo sairán dúas entidades: a Asociación de persoas Xubiladas e Pensionistas Alfonso Daniel Castelao, coa que 54 persoas viaxarán ata a ría de Arousa, e mais a asociación Inventia, que levará outras 54 persoas pola illa de Ons e Portonovo. Por último, as Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo, en Vilagarcía, participará na ruta entre os ríos Lérez e Verdugo con 53 persoas. Por último, o domingo 9 de xullo celebrarase outra ruta pola illa de Ons e Portonovo para un total de 53 persoas da Confraría de Pescadoras/es San Martiño do Grove.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

En ruta coa Depo” tamén impulsa a igualdade de oportunidades para os colectivos con discapacidade, ofrece alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da provincia e promove rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias das familias. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e un xantar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.