A Deputación realiza a “exhumación e fixación” dos textos inéditos de Xosé Velo ‘o libertador’

O pazo provincial acolleu hoxe a presentación do libro ‘Xosé Velo. Textos escollidos’ e a estrea do documental biográfico ‘O libertador ibérico’ 

23/04/2022

Presentación do libro ‘Xosé Velo. Textos escollidos’ no pazo provincial  

A Deputación de Pontevedra realizou hoxe a "exhumación e fixación" de escritos inéditos dunha figura histórica e singular que loitou contra o fascismo en España e Portugal grazas á presentación do libro 'Xosé Velo. Textos escollidos'.

Coincidindo co Día do libro, a presentación ao público do volume culmina o proceso de recuperación da figura do 'libertador' que a institución provincial iniciou antes da pandemia con xestións para que o arquivo do seu espolio pasase a formar parte dos fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. Dese arquivo -explica a deputada de Memoria Histórica María Ortega, - é de onde xurde a escolma de textos seleccionados polo investigador Aser Álvarez, que amosan a "esencia e a alma" dun grande "animal político".

A nacionalista destacou na presentación da obra a forza que levou a Velo a liderar o secuestro do buque Santa María para berrar aos catro ventos "o obvio": que unha comunidade internacional que se gababa de demócrata non podía consentir a permanencia na Península Ibérica de dúas ditaduras: a de Franco e a de Salazar. "Era 1961. Xa pasara década e media desde que a fin da Segunda Guerra Mundial desembocara na grande derrota do exilio republicano: ninguén nos ía liberar da bota de Franco. Mais tanto lle deu. El seguiu loitando ata a fin. Ata o último alento. Para nós a vida de Velo é exemplo e espello", dixo.

O obxectivo da Deputación é "abonar o campo de memoria", insistiu Ortega. "Estes traballos -a compra do arquivo, o libro de textos inéditos e o audiovisual biográfico 'O libertador ibérico' que tamén se visionou hoxe por vez primeira- son os primeiros froitos, pero estou segura de que haberá moitos máis. Agardo que agora que o enorme legado político de Xosé Velo está a disposición de calquera persoa a través do noso portal de internet, o Atopo, cheguen novas investigacións que nos permitan seguir afondando na súa vida e na súa obra", subliñou.

Segundo a deputada, é fundamental para o departamento de Memoria Histórica traballar na divulgación da historia das vítimas do fascismo desde un sentido amplo, coñecendo sobre todo a súa loita "para rescatar aquela sociedade que querían construír e que aínda, case un século despois do golpe, non fomos quen de acadar. O pasado por vir. Poucos perfís responden tan ben a esa teima como o de Pepe Velo".

Historia de amor con Velo

O investigador Aser Álvarez, coordinador tanto da publicación provincial sobre Velo como director do audiovisual biográfico, explicou que a xornada de hoxe no Salón de Plenos da Deputación é "de grande importancia histórica" posto que supón a "exhumación e a fixación" de textos inéditos de Pepe Velo dos que "só quedaban os restos do naufraxio".

Salientou que o seu interese pola figura de Velo xurdiu como "unha historia de amor" ao descubrir a súa figura nun traballo sobre Celso Emilio Ferreiro. Definiuno tamén -ao igual que a deputada- como un animal político, "non animal de rabaño", na órbita do galeguismo, pero que se mantivo fiel á súa conciencia en lugar de seguir os ditados de calquera organización.

"Nin atopou acubillo definitivo nin deixou herdeiros políticos directos. Se cadra por iso é que aínda tendo vivido a República, a guerra e a resistencia antifranquista, tanto no interior como no exterior (co máximo protagonismo no episodio do secuestro do Santa María), segue a ser unha lembranza borrosa para as persoas vellas, unha figura semidescoñecida para a xeración intermedia e nada en absoluto para a xente moza", dixo o investigador, abondando que menos coñecidos aínda son os seus textos.

Resaltou que o volume editado pola Deputación "aspira modestamente a remediar a situación anterior dando a coñecer unha ampla mostra dos escritos de Velo" e que o documental pretende dar conta dunha personaxe cunha linguaxe audiovisual atractiva e un marcado carácter divulgativo.

Ademais de á Deputación, Álvarez agradeceu a implicación no volume escrito do "meu irmán arraiano" Lois Codias e de Helena Fernández, Oriana Méndez e Luís Boullosa, que colaboraron no asesoramento lingüístico e literario.

Galerias de imaxes