AXENDA 2030

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

AUPO 2030 - Axenda Urbana e Rural

AUPO 2030

Axenda Urbana e Rural

da Provincia de Pontevedra

O 22 de febreiro de 2019 o Consello de Ministros aprobaba a Axenda Urbana Española. En palabras do propio Goberno trátase “da folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións que se levarán a cabo ata 2030 para facer das nosas vilas e cidades ámbitos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados”. Unha vez aprobado este documento estratéxico, a Deputación de Pontevedra iniciou un proceso de reflexión sobre a elaboración dun plan de acción, ante a oportunidade que presenta a Axenda Urbana Española de mellorar a planificación territorial de forma transversal, os seus instrumentos de xestión, e de intensificar as accións de aliñamento coa Axenda 2030 no conxunto do territorio provincial.


O obxectivo da Deputación de Pontevedra é deseñar un modelo de desenvolvemento urbano e rural para ser unha provincia máis sustentable, resiliente, inclusiva e segura, e, para iso, a forma máis eficaz é ordenar a toma de decisións de maneira participativa e cunha visión estratéxica na que se aproveite a bagaxe creada no noso modelo de establecemento de redes coas institucións, cos sectores estratéxicos e co tecido social.

A elaboración deste plan de acción concíbese como un instrumento útil, rigoroso e participativo que determinará o marco de diálogo e a folla de ruta que se vai seguir cos municipios desta provincia, especialmente cos de menos de 20.000 habitantes (por seren os que teñen menos medios e recursos para iso), que supoñen máis do 80 % do total dos 61 municipios que integran a provincia, para que alcancen a resiliencia necesaria e poidan adaptarse aos grandes retos de futuro e garantir a súa sustentabilidade.

Unha vez aprobada, esta será a guía para o conxunto de políticas urbanas na Deputación que se utilizará nos plans, proxectos ou cambios normativos que resulten necesarios para alcanzar os obxectivos propostos.

DIAGNÓSTICO ESTRATÉXICO

Para elaborar o plan de acción da Axenda Urbana e Rural da Provincia de Pontevedra (AUPO) levouse a cabo un diagnóstico previo.

Os obxectivos estratéxicos de traballo marco na Axenda Urbana Española (AUE) son:

  • Obxectivo estratéxico 1: ordenar o territorio e facer un uso racional do solo, conservalo e protexelo
  • Obxectivo estratéxico 6: fomentar a cohesión social e buscar a equidade.
  • Obxectivo estratéxico 2: evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente.
  • Obxectivo estratéxico 7: impulsar e favorecer a economía urbana.
  • Obxectivo estratéxico 3: previr e reducir os impactos do cambio climático e mellorar a resiliencia.
  • Obxectivo estratéxico 8: garantir o acceso á vivenda.
  • Obxectivo estratéxico 4: facer unha xestión sostible dos recursos e promover a economía circular.
  • Obxectivo estratéxico 9: liderar e fomentar a innovación dixital.
  • Obxectivo estratéxico 5: favorecer a proximidade e a mobilidade sostible.
  • Obxectivo estratéxico 10:mellorar os instrumentos de intervención e a gobernanza.
PROCESO PARTICIPATIVO

Co obxectivo de garantir un proceso aberto e inclusivo, que inclúa a toma de decisións de maneira participativa e teña unha visión estratéxica, prevíronse as seguintes accións de participación:

  • MESAS-OBRADOIRO TERRITORIAIS
    • Realizáronse un total de oito mesas-obradoiro territoriais de identificación de retos.
      Persoas destinatarias: principais axentes institucionais, económicos e sociais de referencia nos municipios e na provincia
      • Período: febreiro e marzo de 2024
    • Complementariamente desenvolveranse outras cinco mesas-obradoiro estruturadas en cinco obradoiros ou ámbitos temáticos, co fin de priorizar os retos previamente identificados.
      • Persoas destinatarias: representación dos principais axentes institucionais, económicos e sociais de referencia nos municipios e na provincia
    • Ademais, realizaranse dúas mesas-obradoiro orientadas a validar os retos anteriormente identificados, nas cales participarán representantes políticos ou técnicos municipais; unha primeira con representantes dos concellos da provincia de máis de 10.000 habitantes e unha segunda con representantes dos concellos da provincia de menos de 10.000 habitantes.
      Persoas destinatarias: representantes políticos ou técnicos municipais
    • Por último, realizarase unha mesa-obradoiro de validación dos retos priorizados e o seu diagnóstico, na cal participará o persoal que conforma a Comisión Interdepartamental da AUPO 2030 da Deputación de Pontevedra.
      • Persoas destinatarias: Comisión Interdepartamental
  • ENQUISAS EN LIÑA E EN REDES SOCIAIS
    • Realizaranse enquisas en liña dirixidas á poboación local que constan de dúas fases: a primeira, de reflexión ante a formulación estratéxica, ten o obxectivo de validar e priorizar os retos actuais existentes na provincia; a segunda fase, sobre o marco estratéxico, busca validar o alcance e priorizar os obxectivos, as liñas de actuación e as accións.
    • Estas enquisas difundiranse tamén a través das redes sociais co fin de chegar á maior parte da poboación.
      • Persoas destinatarias: cidadanía
      • Enquisa
  • PANEL DELPHI
    • Consultas, xuntanzas telemáticas con entidades ou referentes do tecido económico e social ou persoas expertas clave, nas que participarán polo menos dúas persoas expertas de relevancia nacional en axenda urbana e ordenación e planificación sustentable de cidades e municipios.
      Esta acción levarase a cabo en dúas fases: a primeira, de reflexión ante a formulación estratéxica, ten o obxectivo de validar e priorizar os retos actuais existentes na provincia; a segunda fase, sobre o marco estratéxico, busca validar o alcance e priorizar os obxectivos, as liñas de actuación e as accións.
      • Persoas destinatarias: axentes referentes de sectores económicos e sociais e persoas expertas en axenda urbana e planificación sostible
  • CURSO AXENDA URBANA ESPAÑOLA E PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA TERRITORIAL
    • Este curso pretende darlle a coñecer ao persoal da Administración pública local os distintos aspectos dun novo escenario derivado das axendas internacionais e urbanas que lle ofrece novas oportunidades ás cidades.
  • PUNTOS DE INFORMACIÓN
    • Implementáronse, en paralelo ao desenvolvemento das mesas territoriais, diversos puntos de información sobre a AUE e a recollida de información coa finalidade de reforzar a participación mediante enquisas en formato físico.
      • Persoas destinatarias: cidadanía
  • MESAS DE TRABALLO
    • Realizaranse cinco mesas en formato de comisións técnicas, conformadas polas persoas representantes de axentes institucionais, económicos e sociais dos municipios da provincia de Pontevedra que participasen nas mesas-obradoiro territoriais relativas á fase de validación do diagnóstico e priorización de retos.
      • Persoas destinatarias: principais axentes institucionais, económicos e sociais de referencia nos municipios e na provincia
    • Complementariamente realizaranse dúas mesas transversais sobre igualdade de xénero e de oportunidades, que estarán conformadas por representantes da Deputación provincial, persoal técnico municipal con competencias na materia e persoal técnico de asociacións e entidades sen ánimo de lucro que traballen no ámbito da igualdade.
      • Persoas destinatarias: representantes de entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que desempeñen o seu labor no ámbito da igualdade
    • A maiores, realizarase unha última mesa de traballo co persoal que conforma a Comisión Interdepartamental da AUPO 2030 da Deputación de Pontevedra.
      • Persoas destinatarias: Comisión Interdepartamental da AUPO 2030 da Deputación de Pontevedra
  • CONCURSO DESEÑA A TÚA PROVINCIA
    • Terá lugar o concurso Deseña a Túa Provincia, no que poderán participar a mocidade de entre 14 e 16 anos, co fin de fomentar a participación xuvenil nos procesos de planificación da provincia e reforzar valores cívicos e o seu compromiso co territorio.
      • Persoas destinatarias: mocidade de entre 14 e 16 anos
  • CADERNO DA AXENDA URBANA
    • Dirixido a centros escolares de primaria para que propoñan accións no marco dos cinco ámbitos temáticos e facilitar a comprensión da AUE e da AUPO 2030.
    • A sesión durará entre dúas e tres horas e estará coordinada polo persoal docente dos centros interesados para deseñar os seus propios cadernos de axenda urbana que posteriormente se lle remitirán á Deputación, onde un xurado os valorará e premiará os mellores.
      • Persoas destinatarias: poboación infantil de 6 a 7 anos
  • XOGOS DE APRENDIZAXE MEDIANTE MEDIOS DIXITAIS
    • Dirixidos a centros de ensino obrigatorio para achegar a AUE ás e aos mozos da provincia, co obxecto de manter a súa participación e colaboración.
      Como incentivo á participación proporanse premios que serán entregados no acto de presentación do plan.
      • Persoas destinatarias: mocidade de entre 12 e 14 anos
  • PERCORRIDOS TEMATIZADOS POLA PROVINCIA
    • Realizaranse cinco percorridos tematizados pola provincia por cada un dos obxectivos da AUE con máis incidencia nos proxectos da Deputación de Pontevedra, dirixido ao sector de poboación sénior para recoller achegas partindo das necesidades das e dos veciños e das súas expectativas.
      • Persoas destinatarias: poboación sénior
  • FORO-DEBATE
    • Levarase a cabo un foro-debate sobre a perspectiva de xénero na planificación urbana, A Provincia en Feminino, onde se traballará a inclusión de medidas de deseño da provincia desde o punto de vista feminino.
      • Persoas destinatarias: cidadanía

Ligazóns de interese