#TRANSPARENCIA
CERTIFICACIÓN NO ENS
O Real decreto 311/2022, de 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade (ENS), é o marco normativo no que se establecen os requisitos que deben cumprir as administracións públicas para garantir a seguridade dos sistemas de información e dos servizos dixitais.
O ENS está constituído polos principios básicos e requisitos mínimos necesarios para garantir unha protección adecuada da información tratada e dos servizos prestados, co obxecto de asegurar o acceso, a confidencialidade, a integridade, a trazabilidade, a autenticidade e a dispoñibilidade, así como a conservación dos datos, da información e dos servizos prestados por medios electrónicos.
Desde marzo de 2026, a Deputación de Pontevedra está certificada no ENS na categoría “media”, para o cal os sistemas foron obxecto de auditoría por unha entidade acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).
A certificación obtida abrangue tres dos servizos dixitais máis relevantes para a relación coa cidadanía e cos concellos da provincia:
- A plataforma de Administración electrónica para concellos.
- A Oficina Virtual Tributaria.
- O Rexistro electrónico.
A certificación no ENS ten un impacto directo na cidadanía e garante que os servizos dixitais:
- Protexen adecuadamente os datos persoais.
- Funcionan de forma fiable e continua.
- Reducen o risco de incidencias e interrupcións.
- Ofrecen un contorno seguro para realizar trámites.
- Fornecen as medidas de seguridade adecuadas para protexerse fronte aos ciberataques.
- Xestionan os riscos para tratar de minimizar o impacto de posibles incidentes.
A obtención da certificación representa un paso estratéxico na consolidación da Deputación de Pontevedra como unha Administración segura, fiable e orientada á cidadanía. O esforzo desta institución materialízase, á súa vez, no acompañamento aos distintos concellos para facilitar a adecuación ao ENS e avanzar cara a unha provincia máis moderna, segura e dixital.