#Cultura

Día da Poesía

Celebrando a poesía desde a accesibilidade e a inclusión

Martes 21 de marzo, ás 12:30 h

Sala Rosalía de Castro. Sede da Deputación en Vigo

Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.es


O martes 21 de marzo de 2023 é o Día Internacional da Poesía. Co fin de celebrar unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade, desde a Deputación de Pontevedra queremos conmemorar este día cun acto de poesía inclusiva, tentando que a poética sexa unha linguaxe accesible para todas e para todos, polo que nesta ocasión presentamos unha colaboración coa Asociación de Familias con Parálise Cerebral (APAMP).

Este evento servirá non só para celebrar esta expresión artística que esperta os sentidos con palabras, crea beleza na linguaxe e cultiva a imaxinación, senón tamén para darlles voz a poetas da provincia de Pontevedra con capacidades diferentes a nivel intelectual e físico. Para isto, contaremos con recoñecidas escritoras e escritores de poesía de Galicia que recitarán as súas obras xunto a autoras e autores con discapacidade, alzando as súas voces nunha lectura compartida e horizontal das súas historias. O acto amenizarase cunha actuación musical que acompañará o recitado e, por suposto, tamén contaremos coa presencia da linguaxe de signos da man de XOGA.

Ademais, no evento tamén participará unha artista urbana e ilustradora que realizará unha intervención artística en directo na que se recollerán versos e palabras do recitado.

Poesía, arte e música para celebrar unha cultura accesible para todas e todas… gozando de “poesía cos pés na terra”!

PROTAGONISTAS

Poetas

Tres poetas profesionais, novas e novos pero de recoñecida traxectoria:

Andrea Valle

Andrea Valle (San Pedro de Hermo, 1999). Nace nunha aldea dos Ancares lucenses, San Pedro de Hermo, de onde bebe a súa poesía máis arraigada á natureza e á terra. Escribe sobre as emocións tabú, sobre a dor e a morte, mesturando as súas raíces cos versos. A súa produción é integra en galego, salvo algunhas pequenas excepcións. Podemos atopala en antoloxías poéticas coma Poesía galega novísima, da Editorial Urutau; Mujer, brujas, luna llena e Meigas, ambas de Mariposa Ediciones.

Ismael Ramos

Ismael Ramos (Mazaricos, 1994). É autor dos poemarios Lixeiro (Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2022; Xerais, 2021), Lumes (Premio Javier Morote de Las Librerías Recomiendan; Apiario, 2017) e Os fillos da fame (Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016). Algúns dos seus libros foron traducidos ao catalán (Focs, de próxima aparición), castelán (Fuegos e Ligero, en La Bella Varsovia) e portugués (Fogos en Do Lado Esquerdo Editora), e poemas seus viron a luz en revistas e antoloxías en linguas coma o finés, o francés, o húngaro, o inglés ou o italiano. Como articulista recibiu o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey (2022) e colabora habitualmente en elDiario.es. A parte fácil (Xerais, 2023), o seu libro más recente, é o seu debut na narrativa.

Foto do autor: © Óscar Corral

Ana Fontenla

Ana Fontenla (Vilagarcía de Arousa, 1992). Graduada en Interpretación Xestual na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, complementa a súa formación na ESTAL de Lisboa e na Scuola Cònia da man de Claudia Castellucci. Colabora como actriz con diferentes directoras de renome do panorama teatral coma Avelina Pérez, Ana Vallés, Mónica Calle ou Marta Pazos. En 2016 estrea, xunto con María Villa, a súa ópera prima, Oops! I Did It Again, no teatro Ensalle, para despois traballar coa compañía de teatro Matarile no espectáculo Circo de pulgas. Como escritora e dramaturga é finalista das Residencias Dramáticas 2021-2022 do Centro Dramático Nacional polo texto Carta de amor ao meu pai morto e publica coa Editorial Galaxia o seu primeiro libro, Números vermellos. Actualmente codirixe o programa da Deputación de Pontevedra “Acciona o rural” e é produtora executiva da curtametraxe Aquí está Carme, dirixida por Anxos Fazáns.

 

Xunto a un gran elenco de poetas con discapacidade

 

Protagonistas Poetas APAMP
  • Álvaro Villa André
  • Pilar Álvarez Torrent
  • Jose Varela Lago
  • Fátima Domínguez Silva
  • Alejandro Portela Álvarez
  • Begoña Moldes
  • Sergio González Rodríguez

Lectura compartida de textos das 10 persoas autoras, integrando de forma horizontal poetas profesionais e poetas con discapacidade. Algunhas e algúns e poetas con discapacidade non len porque teñen dificultades, polo que recitarán os seus poemas Andrea Valle, Ismael Ramos e Ana Fontela.

Acompañamento musical

Coa actuación musical de Pablo Galiñanes Barreiro, que abrirá e pechará o acto e acompañará o recitado coa súa guitarra.

Pablo Galiñanes Barreiro Guitarrista APAMP
Ilustración en directo

A artista muralista e ilustradora Nana realizará unha obra en directo, relacionada coa poesía e a cultura inclusiva, integrando palabras e versos dos poemas recitados.

Nana

Nana (Santiago de Compostela, 1983). Vive e traballa en Galicia. De formación técnica en Xoiaría Artística pola Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo e técnica en Ilustración pola Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, remata os seus estudos en Londres cunha bolsa Leonardo da Vinci. En 2006 o graffiti e a arte urbana aparecen no seu camiño e comeza a intervir nas rúas mediante a representación das e dos personaxes que habitan o seu imaxinario. O seu traballo como artista mural reflexiona sobre a figura da muller no espazo público, a natureza como medio que habitamos e a historia dos lugares intervidos. Cunha longa traxectoria na arte urbana e unha liña de traballo enfocada no feminismo participou en multitude de festivais e convocatorias de arte urbana en Galicia, Portugal e no resto da península. Actualmente traballa como ilustradora, educadora artística e artista mural independente.