#CULTURA

Entradiñas de Aninovo

Nadal 2025

Este Nadal, a Deputación de Pontevedra programa unha serie de concertos especiais en espazos dos concellos da provincia que conformarán a segunda edición do ciclo Entradiñas de Aninovo. Entre os meses de novembro de 2025 e xaneiro de 2026, poderemos deleitarnos de novo coa música clásica, tradicional e popular, cun repertorio participativo e acaído para esta época do ano e para poder gozar en familia.


O título está tirado dun verso dunha copla popular de Nadal, de Ayes de mi país, o cancioneiro de Marcial Valladares, publicado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim:

Despedida de ano vello

entradiña de aninovo

os señores desta casa

as conten con grande gozo.

Calendario de concertos

Banda Filharmónica de Vigo

Sábado 29 de novembro, ás 19 horas
Auditorio do Centro Cultural de San Miguel de Oia, Vigo
Entrada de balde con retirada previa de convite:info@bandafilharmonicavigo.gal | AFORO COMPLETO
Banda Filharmónica de Vigo

De recente creación, está composta por profesionais que proceden de diferentes agrupacións e formacións de banda e teñen entre os seus obxectivos mellorar a comunidade musical na bisbarra de Vigo, mediante a colaboración con entidades e escolas musicais e artistas profesionais de recoñecido prestixio. Aproveitando a presenza e a participación do compositor e director convidado Johan de Meij, un dos máis grandes referentes mundiais da música de banda con obras interpretadas e gravadas por bandas de todo o mundo, ofrecerán un concerto cun repertorio especial e monográfico coas súas pezas e no que participarán ata sesenta e cinco músicos.

https://bandafilharmonicavigo.gal

Néboas. Javier Otero Neira coa colaboración especial de Tania Caamaño

Domingo 21 de decembro, ás 17 h
Museo Municipal Ramón M.ª Aller, Lalín
Venres 26 de decembro, ás 21 h
Círculo Recreativo e Cultural, O Porriño
Entrada de balde ata completar a capacidade
Javi Otero

Javier Otero Neira defínese a si mesmo como un artista polifacético e experimental. De formación clásica, iniciou os seus estudos na súa localidade natal, A Estrada, e finalizounos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Sempre estivo interesado na música de vangarda. É neses anos cando forxa a súa personalidade como músico e pianista e desenvolve o seu interese polos novos formatos de concertos e polas novas músicas. A súa versatilidade levouno a asinar o seu contrato con Yamaha Artist en 2018. Gañador de primeiros premios en concursos nacionais e internacionais, decide emprender o seu propio camiño no mundo profesional. Gravou para RNE Radio Clásica, a Radio Galega, a TVE, a TVG e a Televisión Croata. Desde hai anos apostou pola creación do seu propio selo discográfico, co que sacou ao mercado Impromptus (Schubert, Chopin, Fauré), Galician folk songs (compositores galegos), Vibrations (Rautavaara, Prokófiev, Ginastera), Intuition vol. I&II (Javier Otero), Nocturnos (Chopin, Fauré). O seu traballo Reconstruction foi un punto e á parte na súa carreira como creador, na que continúa, ademais, como intérprete. No 2022 publicou o seu disco Saraiba, que o levou a realizar a versión orquestral para a Real Filharmonía de Galicia co seu proxecto chamado Xogo de espellos. O 12 de novembro de 2024 estreou a súa primeira ópera en galego dentro da tempada de Amigos da Ópera da Coruña, Pálido punto azul, con libreto orixinal de Iria Azevedo.

Néboas é un territorio onde as emocións se moven como o vapor: cambian de forma, espállanse, desaparecen e regresan. O piano e a electrónica debuxan a contorna, e a voz, ás veces fráxil, ás veces afiada, atravesa a mestura como un fío quente na brétema. En termos musicais, podería interpretarse a través de texturas sonoras que poden evocar a sensación de estar envolto na néboa, con capas de son que desaparecen e reaparecen, creando unha atmosfera misteriosa e inmersiva. Neste proxecto, Javier Otero Neira presenta tamén tres temas con letras propias, interpretadas por Tania Caamaño: Dixen si, Que é voar e Vida ó revés. Nelas a voz flota entre o anhelo e a ruptura, entre o non entender e o non querer desaparecer, a vida como un movemento irregular, cheo de subidas e baixadas, feridas agochadas e respiracións curtas.

O arcón de Noa. Amarelo Cía.

Sábado 27 de decembro, ás 19 h
Centro Sociocultural Sobrino Buhigas, Campo Lameiro
Sábado 10 de xaneiro, ás 18:30 h
Centro Social de Dena, Meaño
Sábado 17 de xaneiro, ás 19 h
Auditorio do centro cultural, Mondariz
Entrada de balde ata completar a capacidade
O arcón de Noa

O arcón de Noa é un espectáculo para público infantil e familiar a partir de tres anos. A través da linguaxe da danza contemporánea, a utilización de obxectos e a interacción co dispositivo escénico, o espectáculo mostra múltiples situacións e personaxes guiados por unha narración clásica de conto de maxia e fantasía, estimulando a imaxinación das nenas e nenos.

Este espectáculo trata transversalmente valores sociais e temáticas relevantes para o desenvolvemento emocional das nenas e nenos: a empatía, a sostibilidade, a cooperación, a diversidade, a inclusión e o respecto ao diferente. Todos estes temas, tratados de maneira lúdica, facendo uso da linguaxe corporal, a luz, a música e a imaxinación, para contar unha historia de amizade onde haberá emoción, maxia, aventuras, fantasía e comicidade.

FICHA ARTÍSTICA

  • Idea orixinal: Lilian Portela
  • Dirección: Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco
  • Interpretación: Raquel Ferradás, Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco
  • Dramaturxia e coreografía: Raquel Ferradás, Carlota Rosón Rojo, Martín Blanco e Lilian Portela
  • Asesoramento escénico: María Escobar
  • Voz en off: Iria Álvarez Leirós
  • Iluminación: Nacho Martín
  • Música orixinal: Bruno Baw
  • Espazo escénico: Eva Antelo
  • Vestiario: Noelia Picadizo
  • Confección do attrezzo: EVD Galicia-Asociación de Mulleres con Discapacidade Intelectual
  • Dirección de produción: Lilian Portela
  • Colaboran: Escola Media Punta, Concello de Vigo e Concello de Mos
  • Duración: 40 minutos

Concerto ao lecer. Banda de Música Municipal de Valga e Orquestra Clásica de Valga

Mércores 3 de xaneiro, ás 18 h
Auditorio de Soutelo de Montes, Forcarei
Sábado 6 de xaneiro, ás 18 h
Auditorio municipal, As Neves
Xoves 11 de xaneiro, ás 17 h
Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera
Entrada de balde ata completar a capacidade
O arcón de Noa

Estas agrupacións xorden dos grupos de cámara da Escola Municipal de Música de Valga, establecida en 1996. Desde o seu debut no Día das Letras Galegas, participaron en certames, festivais e concertos por Galicia, España, Portugal e América, e actuaron en cidades coma Bos Aires, Guimarães, Salamanca, Astorga ou Lleida.

Están dirixidas, desde a súa creación, por Manuel Villar Touceda, un destacado director de orquestra e banda, nado en 1969, cunha traxectoria consolidada no ámbito musical galego. Desde a fundación destas agrupacións, exerce como director principal, quen as leva a acadar recoñecemento nacional e internacional grazas á súa calidade interpretativa e ás súas innovadoras propostas artísticas. Baixo a súa batuta, participaron en numerosos festivais e certames en España e Portugal, e obtiveron premios destacados. Tamén explorou proxectos innovadores que combinan a música clásica co teatro e co circo, ampliando os horizontes do repertorio tradicional. Manuel Villar Touceda é recoñecido pola súa capacidade para formar músicos e polo seu compromiso coa promoción cultural en Galicia.

Un concerto que combina a tradición coa alegría do Nadal e do Aninovo, perfecto para esta tempada festiva.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.